Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo

todoAntón Riveiro Coello. A primeira noticia que tiven de Xosé Monteagudo (Moraña, 1965) foi no ano 2002 cando, tras gañar o Premio Blanco Amor de Novela, publicou o seu texto na editorial Galaxia. As voces da noticia foi unha chegada contundente para un autor descoñecido que, na súa primeira obra, xa empregaba unha armadura narrativa complexa e un interesante rexistro lingüístico co que resolvía un crime nunha aldea de Galicia. A partir de aí, agardo por cada libro de Monteagudo con expectación. Estaba claro que se trataba dun autor a ter en conta. Despois veu Esta historia (2006), unha conversa entre tres amigos sobre os anos universitarios en Compostela e o seu percorrido vital. No 2009 acadou o Premio García Barros con Un tipo listo, novela poderosa, cunha trama financeira e de suspense, con vontade de crónica social. Esta novela foi, sen dúbida, a confirmación dun novelista con oficio. No 2012 sorprendeunos cunha novela moi orixinal, O curioso mundo das persoas normais, que percorre boa parte do século XX a través da ollada peculiar dun home que pasou os últimos setenta e sete anos da súa vida confinado entre as paredes do Hospital Provincial de Pontevedra. tipo listoE, agora, catro anos despois, despois de moito traballo e amor pola literatura, entréganos a súa mellor novela, Todo canto fomos, un texto longo que, sospeito, non vai pasar desapercibido porque as mellores armas de Monteagudo están presentes ao longo das súas páxinas: estrutura de reloxería, lingua coidada, personaxes cun perfil crible e inspirados talvez na realidade, tensión medida e un final prodixioso que cose todos os fíos sen deixar ningún floco solto. Non vou falar da trama máis do necesario porque é moi doado caer no perigo de descubrir algo indebido para o lector. Apuntar só que, entre os moitos personaxes da novela, hai un escritor de novelas policiais, residente en Londres, que descobre unha verdade turbadora entre os papeis legados pola súa nai, que unha moza teima nun amor imposible, que un emigrante galego persegue o éxito na Arxentina e volve á súa terra para participar activamente nunha ilusión colectiva, que unha mestra é destinada nunha aldea e alí pelexará contra a desigualdade e os prexuízos sociais, que un historiador lembrará os intres máis importantes da súa vida… Nesta novela, dividida en seis partes medidas dun xeito concienciudo, o autor vai alternando capítulos, colocando os personaxes en diversos escenarios e tempos, proxectando as súas vidas sobre o colectivo, sementando intrigas e silencios dentro das familias. E faino cunha aparente normalidade, porque, case sen nos decatarmos, sentimos o alento do século XX pasar diante nosa. Iso si, en ningún momento deixamos de intuír que esa morea de historias se queren tocar, como así será, nun final memorable. Novela coral, cunha técnica depurada ao servizo do lector, cun interese narrativo que non decae ao longo das máis de cincocentas páxinas, sobre todo, pola perfecta dosificación da intriga. monteagudo2Un non pode máis que gabar todo o traballo que hai detrás desta novela na que asistimos tamén a páxinas interesantes da nosa historia política (acaída a achega de personaxes do Partido Galeguista como Castelao ou Bóveda), ou do alzamento fascista en Pontevedra e as consecuencias tráxicas para tantas e tantas familias. Todo canto fomos é un título integrador que tamén nos fai cavilar en todo o que poderiamos ter sido de non se produciren certos acontecementos. En fin, como conclusión, ao meu humilde parecer estamos diante dunha novela espléndida, desas que pasan por nós e quedan para sempre. Monteagudo fixo un esforzo colosal que pagou a pena, porque Todo canto fomos ocupará, a partir de agora, un lugar destacado no conxunto da súa obra e, sobre todo, nos estantes das grandes novelas galegas. Parabéns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *