Dalí como escusa

gran masturbadorFidel Vidal. Un dos espazos máis enriquecidos en 2007 do Museo Nacional Reina Sofía, foi o dedicado ao surrealismo con obras como Monumento imperial á muller nena que representa a descomposición da materia, O enigma sen fin a simulación, ou O gran masturbador, nunha das súas grandes obsesiones sexuais, onde Dalí aparece como a principal estrela. Este acontecemento no tempo poderíamos usalo de escusa para falar da masturbación, dos cara lavada, dos reloxos brandos, dos bigotes hastados, dos ovos, do surrealismo ou mesmo do inconsciente. Como tamén da censura, da produción ou da reprodución onírica, onde a censura segue a exercer os seus poderes non só a través do disfrace, a deformación, a condensación, o desprazamento, etcétera, senón simplemente espertándonos para frear un gozo a punto de estourar. Ou co pretexto de reflexionar sobre método paranoicocrítico, que en ton daliniano soaría algo así como PAa-rA-noOOoi-Co-criiIii-Ti-CcO. Ou non dicir nada.

bretonO surrealismo, como movemento literario e artístico, xorde, como sabemos, en Francia nos años vinte arredor de Aragon, Éluard, Breton (autor do Manifesto do surrealismo), e de pintores como Miró, Ernst, Magritte, Dalí, entre outros, que ten un precedente no dadaísmo e que atopa os seus fundamentos nas achegas de Freud, coa pretensión de romper cos esquemas lóxicos que afogan e reprimen a realidade máis auténtica: a do inconsciente.

Pero antes do Manifesto, a palabra é usada por Apollinaire para describir a súa obra teatral Les mamiles de Tirésias (drame surréaliste en deux actes et un prologue). No “Prefacio” advirte a Víctor Basch que surrealismo non significa simbólico, senón que define unha nova tendencia da arte sen tentación algunha de formular ningún credo nin ningunha afirmación literaria e artística. Cando o home -apréndenos Apollinaire- quixo imitar o camiñar, creou a roda, que non se parece en nada a unha persoa. Practicou así o surrealismo sen sabelo.

A palabra francesa surréalisme foi traducida ao español como “suprarrealismo” ou como “sobrerrealismo”, pero co tempo (a lingua é viva e segue as súas canles) ao final úsase a francesa castelanizándoa: “Surrealismo”, que é a forma na que aparece habitualmente na maior parte dos tratados, e que máis nos acerca, pola súa fonética, ao “sub-real”, ao subconsciente, ao Inconsciente. Admitían que a razón pode darnos a ciencia, pero afirmaban que só o inconsciente pode producir arte. Unha teoría non totalmente nova. Os antigos falaban da poesía como dunha “divina loucura.”

la-persistencia-de-la-memoria-dali32Gaya Nuño, seguindo os seus preceptos en pleno franquismo, describe o surrealismo como “tendencia retrógrada e decadente moi propia do período europeo de entreguerras”. O grupo sálvase, pero só por unha temporada, coa chegada do “español Salvador Dalí”, con asombroso dominador do debuxo e gran imaxinación. No entanto Gaya quéixase de cadros como A persistencia da memoria, e doutros de dubidoso valor. Máis adiante -continúa- Dalí engade ás súas obras “un progresivo mal gusto e un amor polo escandaloso e egocéntrico que van convertendo a súa pintura en pura anécdota.”

Cando Herbert Read compara a Dalí co Bosco desde o punto de vista simbólico, nos que o ovo, ou as aves, se repiten, a fantasía de Dalí faise dunha forma deliberada, e o Bosco exprésaa dunha maneira natural e subxectiva. “Só o mesmo Dalí podería dicirnos ata que límites utiliza deliberadamente o simbolismo freudiano”. “O Bosco podía carecer dun vocabulario psicolóxico para describir o que estaba facendo e que, ata o límite en que os nosos pensamentos dependen do noso vocabulario, o Bosco era inocente da súa intención. Pero na xerga moderna, tanto Dalí coma o Bosco botan man do inconsciente como fonte das súas fantasías.”

A expresión “botar man do inconsciente”, ademais de pouco afortunada non é nada acertada, pois dá a impresión de que se pode botar man do inconsciente como dun pouco de sal ou dun pincel fino de pelo de marta. Píntase. Ou escríbese. Sófocles non escribiu Edipo Rei para que Freud se inventara un complexo. Sen que por iso deixe de ser verdade que cando alguén escribe, hai un outro a escribir en min.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *