A sinatura

sinaturaFrancisco Ant. Vidal Blanco. Por fin, despois dunha licenciatura e tres másters, de sacar o C2 de inglés e o B2 de francés e tras redactar non sei cantas ducias de solicitudes de traballo, Celso pasou o exame de actitude, o test psicolóxico e a entrevista persoal para a que estreou o primeiro traxe con garabata a xogo da súa vida, só para causar boa impresión. Por fin, ós trinta e algún anos, aínda que non se atreve a pedir matrimonio, pediulle á moza compañía, que algo é algo e as vodas saen caras, pero cando lle deron os papeis para asinar e se puxo a ler toda a letra pequena, dubidou de se non sería mellor renunciar ó posto, a pesar de que lle aseguraba un contracto de oito horas de traballo que, sacando impostos lle deixa seiscentos oitenta euros por mes, a metade para pagar un aluguer nos arrabaldes dunha cidade que non coñece, mentres a moza prepara oposicións sen enchufe.

Celso non aspira, evidentemente, a ter unha hipoteca que lle permita ser propietario de algo dentro de trinta anos, ó menos mentres a moza non teña un día de sorte nalgún deses macro exames de oferta pública de emprego en tempo preelectoral.

Ata agora todo normal, é o que hai e os dereitos laborais polos que tanto pelexaron seus pais ó final do franquismo están abolidos de feito, ou en proceso de demonización, sabiámolo e estamos resignados a que así sexa. Pero Celso, que ten o mal costume de ler todo canto asina, encontrouse cun papel sen o anagrama da empresa, unha especie de carta persoal na que se especifica que o abaixo asinante renuncia ás revisións médicas que a compañía, de sempre, estaba obrigada a facerlle anualmente a cada empregado. Non quería asinar tal, pero o encargado de recibir o papeleo aconselloulle moi amablemente: «Ti aínda es novo e non necesitas médicos, iso queda para os vellos». E como seguía nas súas, que non quería renunciar o que é un ben adquirido, aínda que só sexa por solidariedade cos vellos, o oficinista anuncioulle moi polo baixo que xa todos os seus futuros compañeiros renunciaran a esa prebenda, e aínda lle asegurou: -É unha das condicións que validan o resto das sinaturas. E se non asinas, a empresa ten centos coma ti agardando para asinar sen ler.

Celso quedou co papel na man. Son eles os que coa cara limpa dos inocentes, non retiran os pequenos beneficios adquiridos pero obrígante a renunciar a eles. Un beneficio que, se a empresa non o ofrecese ninguén ía preguntar por el, pero está aí como un dereito acadado para ben do traballador que, agora, tras acumular unha serie de renuncias, serviralle ó empresario para dicir que os sindicatos e a mesma administración obrigan a cousas que nin os obreiros queren.

Celso acabou asinando, evidentemente, pero teme que, por mor desa dúbida non finalice o período de proba. Algo que queda para os seus medos internos. De momento, cando lle preguntan que tal el contesta que moi ben: «Teño traballo», e ter traballo xa é a máxima aspiración de calquera nos tempos que corren.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>