Teño carta

tempo2X. Ricardo Losada. En 1989 o gran poeta Jaime Gil de Biedma era finalista do premio Cervantes e non o gañou, ao parecer, porque alguén do xurado dixo que era demasiado mozo. Tiña 60 anos e morreu poucos meses despois. Recordar esa anécdota serviume estes días para reflexionar sobre un dos temas que máis me apaixona. O tempo. Desde que no instituto oín esa fermosa frase de Heráclito, O tempo é un neno que xoga, reflexionar sobre o tempo é un dos meus divertimentos preferidos, sobre todo porque sei que, como en todo bo divertimento, nunca chegarei a entendelo. De todas as teorías que oín ata agora as que máis me gustan son a de Newton (o tempo como sentido de Deus) e a de Einstein (o tempo como cuarta dimensión unida ao espazo), pero a que máis se acerca á miña forma de pensar é a xenial ironía de Agostiño de Hipona: “Se me preguntan que é o tempo, non sei dicilo; se non me preguntan, seino”. Ao fin e ao cabo é o mesmo que me pasa a min coa maioría das cousas que me importan: o amor, a liberdade, a familia, a amizade, a filosofía.

tempo1     Adoita dicirse que a época moderna caracterízase por unha aceleración do tempo. E, normalmente, como unha crítica. Proba evidente é que están proliferando en moitos países as cidades lentas, cidades que fomentan unha forma de vivir máis temporalmente tradicional que contemporánea. Cidades para pasear e desprazarse en bicicleta, con illas para que as persoas poidan falar e conversar e pararse a contemplar o entorno, con pouco tráfico e contaminación. Máis alá de que poida ser unha moda para burgueses mal asumidos (tipo actores e actrices de Hollywood indo aos mosteiros do Tibet), non teño clara a miña postura sobre esa proposta. Co criterio de Newton debería estar a favor: se o tempo é un sentido de Deus, e Deus é eterno, logo inmóbil e inmutable, hanlle gustar as cidades lentas. Co criterio de Einstein debería estar en contra: se a medida que aumenta a velocidade, o tempo vai máis amodo, viviriamos máis tempo nunha cidade como Nova York que nunha cidade lenta.

     Este ano comecei a investigar sobre Manuel Antonio, o gran poeta rianxeiro, e como Suso Laíño, pobrense e profesor de Galego, é un dos grandes eruditos da literatura galega, póñome todas as semanas en contacto con el suscitándolle dúbidas e pedíndolle información. Nada especial se non fose porque Laíño non usa internet. Cando me dixo como nos poriamos en contacto, non lle faltou nada para renunciar á súa axuda. tempo3Se lle quería preguntar, poño por caso, que libros coñecera Manuel Antonio sobre a poesía francesa, tería que mandarlle un correo electrónico ao noso común amigo Antón Riveiro Coello, para que el lle suscitase a pregunta a Laíño o mércores que adoitan reunirse a tomar un café en Boiro. Despois Antón enviaríame a resposta por correo electrónico. Unha resposta que, en plena época de Internet, tardaría quince días en chegarme. Ao principio púñame dos nervios tanta tardanza, pero agora gózoo como un privilexio. Recórdame aquela marabillosa época da miña vida na que tardaban semanas en chegarme as cartas dunha moza que tiña en Madrid. É certo, como diría Einstein, que esa lentitude matábame pouco a pouco, pero tamén é certo, como diría Newton, que cada vez que chegaba unha daquelas cartas sentía que o tempo de espera era un tempo divino.

 

 

3 comentarios en “Teño carta

  1. Un dos meus libros de cabeceira é Confesións de Agostiño de Hipona. Deixoume entrar na súa alma, e eu deixeille entrar na miña. Chamarlle santo marcaría unha distancia entre nós que non existe. Tería menos problemas en chamarllo a santo Tomé.
    Vexo na wikipedia que Antonio Feijó era de Ponte de Lima. Xa me estraña menos que o poema sexa tan fermoso.
    Grazas de novo, e unha aperta rianxeira

  2. O AMOR E O TEMPO
    Pola montaña acantilada
    os catro en alegre compañía
    o Amor, o Tempo a miña Amada
    e Eu , subíamos un día.
    Da miña amada no xentíl semblante,
    xa se vían indicios de cansancio
    o Amor pasábanos diante
    e o tempo aceleraba o paso.
    Amor, Amor mais vagariño,
    non corras tanto que así tan lixeira
    non pode con certeza camiñar
    a miña doce compañeira.
    Vóltase o Amor e dille con azume,
    tende pacencia amigos meus
    eu sempre tiven esta costume
    de fuxir co Tempo.

    Pido disculpas por asesinar de esta manera nuestro idioma. No sé escribir en gallego y menos en portugués pero, no me resistía a dejarte sin esta maravilla. Es más larga pero saqué lo esencial , la moraleja del amor con el tiempo.
    Si no la conoces búscala en internet. Merece la pena.
    Adeus, Xosé Ricardo. Un bico

  3. Acabo de leer tu artículo ” Teño carta ” . Hablas sobre el tiempo, y me hizo recordar una poesía que le escuché hace muchos años a una portuguesa que conocí en otro país. Tanto me gustó que le dije que me la escribiera. Después de muy largo tiempo fui al Algarve y vi un busto precioso de un ministro portugués , Antonio Feijó , y comprobé con gran placer que era el autor de la poesía que tanto me había gustado. Era esta:
    O AMOR E O TEMPO. Es una preciosidad, la leo con tanta devoción como tus crónicas.
    Me encanta que cites a San Agustín, aunque lo quites del Santoral y le añadas el nombre propio del lugar. y también que digas que de todas las teorías te quedas con la de Newton ” O tempo como sentido de Deus ” porque esa última palabra la escribes con mayúscula.
    Dicen que donde ha habido fuego quedan rescoldos. Besiños Palmeiráns

Deixa una resposta a x ricardo losada Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *