Xerardo AgraFoxo. Hai uns días lin neste CaféBarbantia un traballo de Gonzalo Trasbach titulado: Anna Ajmátova: fe cega na poesía. Agora caeu nas miñas mans O expedente Zhivago. Este libro comeza o 20 de maio de 1956, cando D´Angelo, un comunista que traballaba en Radio Moscova, se entrevista con Boris Pasternak preto da capital rusa. A súa misión era quitar da Unión Soviética o manuscrito de O doutor Zhivago. Despois coñecemos como manobrou a CIA para espallar a obra polo mundo. Pero o que a min máis me abraiou foron as reaccións que xurdiron entre os colegas do escritor cando souberon que o libro se convertera nunha obra de éxito en Europa ou cando Pasternak gañou o Premio Nobel de Literatura en 1958. Algúns manifestaron a súa ira e indignación. O Pravda titulou: Barafunda de propaganda reaccionaria por unha mala literatura. A novelista Galina Nikoláievna, comparou a Pasternak co xeneral traidor Andrei Vlásov, que colaborou cos nazis na Segunda Guerra Mundial, e manifestou: Para min non basta con expulsalo da Unión de Escritores. Esta persoa non debería vivir en solo soviético. Pasternak enviou unha carta á Academia Sueca, expresando o seu “agradecemento”. Pero días despois, baixo a presión do seu goberno, enviou outra: Considerando o significado que este premio tomou na sociedade á que pertenzo, debo rexeitar este premio inmerecido que me concederon. A súa amante Olga Ivinskaia foi recluída nun campo de traballo de Siberia.
Pasternak morreu en 1960. O doutor Zhivago tivo que esperar ata 1988 para ser publicado na Unión Soviética. Un ano máis tarde, o seu fillo Yevgueni foi autorizado para recibir o Premio Nobel en nome de seu pai.
Cando rematei o libro lembrei as palabras de Gonzalo Trasbach: “Entón, un represaliado ou un exiliado ruso era considerado un renegado, un opositor ao progreso da humanidade. Manda carallo!”. E tamén me acordei de Reinaldo Arenas.