Gonzalo Trasbach. Moitos especialistas da música pop aseguran que esta acadou o seu cumio xusto na metade da década dos sesenta, pois, argumentan, no 65 vira a luz un bo cesto de discos incomparábeis. Non obstante, nós somos dos que dicimos que hai, cando menos catro que xustificarían a tese de que a gran explosión do pop se configurou no ano 1966: Blonde On Blonde, que culmina o periplo que leva a Bob Dylan a escribir de xeito definitivo a súa nova gramática sónica, traballo que comezara no 64. Pet Sounds, de The Beach Boys, esa divina sinfonía coa que Brian Wilson (California, 1942) se inmortalizou. Aftermath, o álbum que lanzou á fama mundial os Rolling Stones. E por último Revolver, que se publicou logo de que os Beatles xa visitasen a India. A aparición deste último coincidiu, seguramente por casualidade, cun feito que tivo lugar na costa oeste norteamericana: é o momento no que o love summer atrae ata San Francisco uns 300.000 mozos estadounidenses. Hai quen afirma que Strawberry Fields Forever está dedicada ás primeiras comunas que se fundaron nos arredores da cidade. Pero é tamén o tempo no que, ao arredor da grande explosión musical da que os catro discos son só un exemplo, se articulou o fenómeno da “contracultura”.
Dito isto, lembremos que o día 5 de agosto se celebran os 50 anos de existencia de Revolver, un disco que supuxo un punto de inflexión na escena musical daquela época. O LP cumpre medio século nun excelente estado de saúde e aínda repleto de sorpresas sonoras. O cuarteto de Liverpool tiña anticipado en Rubber Soul (1965) o concepto de álbum como unidade de creación artística, espallando a súa música e comezando a usar o estudo de gravación coma un instrumento máis, unha iniciativa que xa ideara Brian Wilson para o seu Pet Sounds.
Cansados de repetir unha mesma fórmula, pretendían ir moito máis aló, tanto coma as súas superdotadas mentes (aínda máis estendidas polo consumo dalgunhas drogas) lles permitira imaxinar. Con esta cobiza entraron os Beatles o 6 de abril do 66 no estudo: cada instrumento debía soar de xeito diferente ao habitual. Os técnicos de son de Abbey Road tiñan a misión de brincar por enriba dos métodos tradicionais. E así foi. Unha canción arrancaba con dróns de sitar buscando a sensación dun mantra en efectos improvisados de voz e batería. Ao día seguinte inseriron loops caseiros (Paul gustaba de escoitar a música concreta de Stockhausen). Logo chegou unha frase de Ringo para titulala: Tomorrow Never Knows. Dende aí en diante, o son do resto do disco sería igual de máxico, sen perder o prodixioso don melódico marca da casa. Mesmo o artístico collage da portada de Klaus Voorman (pintor, fotógrafo e baixista de Manfred Mann…) é pouco convencional.
Revolver propaga unha pequena revolución en varios aspectos. Musicalmente, remata coas limitacións do cuarteto para reproducirse en directo. No cumio da súa creatividade, Lennon e McCartney establecen diferenzas entre eles. Coa axuda de George Martin, Paul madura coma un excelente compositor que transcende o pop no doce rumoreo de Here, There And Everywhere, na orquestral Eleonor Rigby e en For No One, unha balada con piano e clavicordio a ritmo de valse e un solo de tromba que nin zurcido por un compositor clásico. Ademais anticipa o interese polo carnaval popular e as orquestras das feiras e festas, que serán eixes da súa grande opera psicodélica de 1967, <Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band>, en Good Day Sunshine e Yellow Submarine, unha rima infantil e universal que amosa a cara máis lúdica da psicodelia con multitude de ruídos e efectos sonoros.
Pola súa parte, Lennon inventa un novo tempo e espazo para o pop-rock: unha melodía adhesiva cantada con harmonía de voz a tres partes, punteada por un caleidoscopio de guitarras mesturadas co contrapunto dun baixo sobre o xergón dunha batería faiscante (Ringo está talvez no seu mellor momento). A fórmula da psicodelia quedaba plasmada en And Your Bird Can Sing (tamén en Rain, que pertence ás mesmas sesións, pero que se publicou nun sinxelo previo xunto con Paperback Writer). She Said She Said, ademais, saúda a The Byrds selando nos alicerces da psicodelia o raga indio das harmonías espirais que se cosen ás guitarras á vez que amosan a paranoia como a cara escura dela.
Aínda arestora é sorprendente a variedade cromática e sonora de Revolver. A través de Got To Get Into My Life, adobiada cos ventos de George Fame, Paul visita o soul da Motown. Jonh acode ao music-hall en I’m Only Sleeping, onde as guitarras invertidas acompañan unha melodía de arco da vella. E George brinca da música negroide (o seu “fuzz” a contratempo sobre os lostregazos do baixo de Paul en Taxmen é auténtico funk) á tradicional en Love You To, interpretada con sitar e táboa.
Doutra banda, as letras van moito máis aló dos temas amorosos. En Tomorrow Never Knows (Desconecta a túa mente/ reláxate, flota a favor da corrente…), John inspirase nas súas experiencias co LSD. Paul tamén relata a súa iniciación en Got To Get (estaba só, fixen unha viaxe/ non sabía o que atoparía alí…). Mentres George proclamaba o amor místico da súa obsesión india en Love You To. A cuestión da psicodelia está presente en case todos os cortes do álbum. Os Beatles non foron os creadores dela. Pero Revolver derribou para sempre as trincheiras do que ata entón se consideraba pop. De aí en diante, todo sería distinto.