Dous refrescantes discos

xenia1Gonzalo Trasbach. Agora que este ardente verán está arribando á dourada praia do seu ecuador; agora que o solleiro aperta tanto que ata quedaron mudas as pantasmas que vagan habitualmente polo meu faiado; agora parece un magnífico intre para recomendar unha visita a dous paraxes musicais refrescantes e tan densos coma distantes entre si: de concepción sonora como de territorios de nacemento. Pero en calquera caso, coido que invitamos a escoitar dúas xemas sónicas.

Empecemos con Xenia Rubinos. A neoiorquina con raíces cubanas e portorriqueñas acaba de presentarnos <Black Terry Cat>, onde, máis aló da habelencia da que xa fixera gala no seu debut <Magic Trix> (2013), firma nesta ocasión un diamante en bruto de funk vibrante, R&B enredante, hip hop e prodixiosas xeometrías vocais. Conta este disco con cancións de impacto, fitos máis ou menos evidentes, pero en definitiva, trátase dun festín do que nin convén desprezar as migallas. A súa voz ateigada de curvas e costas empinadas, dálle unha elegante pátina a todo o fabuloso repertorio, onde destacan unhas letras que falan das cativas cousas da convivencia doméstica, pero que tamén se amosan rabiosamente políticas nalgúns intres, coma se pode comprobar na fenomenal Mexican Chef.

liberationO segundo naceu no outro lado do mundo. Na fría Estocolmo. Aló, Josefin Örhn + The Liberation cociñaron a lume lento nunha marmita de cobre un debut exquisito: <Horse Dance>, título que encaixa fantasticamente coa veta musical sobre a que se ergue unha colección de oito cancións que funcionan ao ritmo do galope dos cabalos salvaxes, antes de que sexan tempadas, peneiradas, pola voz sedutora e etérea de Örhn. Os temas atravesan espazos psíquicos, adornados con guitarras sedosas, beats de trip-hop, territorios rochosos e mesmo escuras paraxes postpunk. Elementos todos eles mesturados de tal xeito que o produto final soa orgánico, natural e dunha personalidade indiscutíbel.

   Stu Matews, recoñecido polos seus traballos con Portishead e The Horrors, encargase da mesturas dun disco que resulta refrescante, sólido e memorábel e que, ademais, contén cancións dunha rara intensidade coma Green Blues Fields, ou que invitan á meditación, coma You Have Arrived. Dúas auténticas xoias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *