Charlot contra Ali G

ali gX. Ricardo Losada. Hai uns días uns alumnos de 2º da ESO, deses que algúns profesores consideran malotes, pedíronme que puxese en clase unha película dun para min descoñecido Ali G. Fun a Youtube e comprobei o que xa agardaba. Ali G era un outsider que, de forma descarada (drogas, peidos e tacos), criticaba os tabús ben pensantes. Non cheguei a ver a película pero recoñecinlle aos alumnos que gustara das irreverentes pero xeniais entrevistas que Ali G fai a personaxes famosos da ciencia, a relixión ou o fútbol.

     Non sei se por agradecemento ou por vinganza, decidín pór nese grupo a película de Charles Chaplin The Kid. Díxenlles que era unha película de hai case cen anos, en branco e negro, e muda. A reacción dos alumnos tivo de todo menos entusiasmo. Os malotes mesmo volveron insistir en Ali G. Falaba de problemas máis actuais e próximos a eles, algo no que eu teimaba moito.

     The Kid conta a historia dun neno abandonado pola nai que é recollido e educado por un vagabundo nun deses barrios periféricos da Revolución industrial que Chaplin coñecía en primeira persoa. Ten contado moitas veces que cando se queixaba por non ter xoguetes, o pai sinaláballe a fronte co dedo índice e dicíalle que ese era o mellor xoguete que se creara. O bombín, o bastón, o bigotiño, a forma de andar, os xestos capaces de representar todas as emocións humanas, Charlot, nunha palabra, son froito dese xoguete. As tres partes do cerebro (instinto, emoción, razón) conviven nun equilibro asombroso en todos os personaxes das películas de Chaplin. Como esa nai de The Kid que interpeta Edna Purviance. Pasoume con ela algo curioso. A primeira vez que vin a película tiven a absurda sensación (o personaxe denota todo o contrario) que lle gustaba beber. Tempo despois souben que estivera a piques de ser despedida porque chegaba bébeda á rodaxe.

 thekid1     The Kid é un clásico e a reacción dos meus alumnos confirmouno. Riron e emocionaron como eu rira e emocionara á súa idade. Tamén comprobaron que suscita un tema de actualidade. Ata en países como España está aumentando o número de nenos que pasan fame na periferia da Revolución dixital.

     Os malotes recoñecéronme de mala gana que lles gustara The Kid pero teimaron en que preferían Ali G anda solto. Pareceume normal, pero non puiden evitar pensar que esa película de Ali G era para aqueles rapaces como a chuvia baixo a que lle gustaba pasear a Charlot co único fin de que ninguén o vise chorar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *