Heidegger/Chillida e a boa letra de Jorge Guillén

el arteFidel Vidal. Martin Heidegger estaba a escribir un texto sobre a Arte e o Espazo (Die Kunst und der Raum) para o que pediu documentación de varios escultores, entre outros, Moore, Giacometti e Chillida. Un ano más tarde, Eduardo Chillida, un artista preocupado polos mesmos temas, en especial polo “espazo”, foille presentado ao filósofo no Scloss Hagenwill. Nese primeiro encontro, propiciado por Henrich Petzet e Franz Larese, Chillida decátase de que, malia poderen comunicarse en francés ou inglés, Heidegger non deixa de contestar en alemán, e acepta a intervención dun intérprete. O escultor axiña comprende a razón: Heidegger estaba preocupado por expresarse “na lingua que el coñecía mellor, na que podía dicir as cousas con todos os matices, deixando ao tradutor a responsabilidade, xa probada, de traducírnolos”.

“Mire vostede –díxolle Heidegger a Chillida- eu estou a escribir un libro sobre arte e espazo, e quixera preguntarlle se quere colaborar comigo ilustrándoo”. Para o escultor supuxo unha sorpresa non só pola invitación senón tamén por toparse con que o filósofo alemán estaba preocupado por elementos e ideas vitais para el, “encarnados na miña obra”. Pasados uns meses, despois de se intercambiaren textos, incluídos os dos famosos cadernos de apuntamentos de Chillida (“chámalles aforismos, pensamentos, o que queiras”), este relata como Heidegger, na súa precisión pola linguaxe e o seu coñecemento do español, nunha nota que puña a palabra tempo “no sentido que evocaba en mi a palabra, no sentido de medida, el puxo encima, de puño e letra, unha interrogación e a pregunta: “tempo” ou “tiempo? ”. Como dicindo: a min hai que me precisar o sentido exacto”.

Tanto o tempo coma o espazo pertencen ao elenco nuclear do artista. E os conceptos de lugar (leku), ou espazo como zona ou localización (topos) e encontro ou límite, incluso lugar de encontro, son utilizados polo filósofo no seu traballo. Un lugar “desde onde ver”, segundo expresión de Kierkeggard e da que tanto gustaba Chillida. Non esquezamos que Lugar de encontro é o título de varias e significativas obras de Chillida moi anteriores á aparición do libro. Como tamén un par de series de esculturas levan por título Rumor de límites: “Mira -di Heidegger- por exemplo, o que o escultor produce son corpos, que a feitura dun destes corpos, unha escultura, ten lugar nunha limitación que é ao mesmo tempo unha inclusión e unha exclusión con respecto a un límite”.

guillenSe o editor pensaba nun libro suntuoso, para bibliófilos, Chillida opúxose e mantivo o tamaño “cuartilla” Heidegger, que eran o tipo de follas nas que adoitaba escribir. A Arte e o Espazo (Die Kunst und der Raum) de Heidegger e Chillida, foi editado e presentado na Galería Erker de St. Gallen en 1968 (Hablando con Chillida, Martín de Ugalde). Outras fontes afirman que apareceu orixinalmente no outono de 1969, nunha edición limitada de 150 exemplares. A obra contiña un manuscrito orixinal en litografía e unha gravación do texto lido polo propio Heidegger, acompañado de sete litocollages de Chillida.

Como queira que nunha viaxe a Harvard, Chillida visitou a Jorge Guillén e agasallouno cun dos exemplares, o poeta, á vista dos resultados e dos eloxios sobre a caligrafía do filósofo, vai, e con “moita graza” dille:

-Advírtolle, Chillida, que eu tamén teño moi boa letra.

E desa conversa abrochou a colaboración Guillén/Chillida para unha edición do Cántico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *