Verdade histórica e literaria

verdad1Antón Riveiro Coello. Seguindo os esquemas máis ríxidos da historia poderiamos dicir que esta é o testemuño certo da realidade, mentres que a literatura non é outra cousa que a súa falsificación. Deste xeito, tendo a realidade como pano de fondo, o saber histórico sería un coñecemento da certeza, unha disciplina da verdade, e a literatura unha das maneiras máis claras da mentira e da imaxinación. Pero afondando un pouco, é doado chegarmos á conclusión de que os conceptos de verdade e mentira non operan do mesmo xeito nunha e noutra. Así, se a realidade exterior para o historiador está condicionada pola obxectividade e o rigor, para o novelista é un pozo sen fondo do que pode extraer con total liberdade outros mundos intuitivos ou inventados que non teñen por qué coincidir con esa realidade de feitos probados.

 A verdade da historiografía ten unha dependencia case notarial coa realidade da que se alimenta, e a novela vai máis polos camiños da sedución e ten como única lei a ilusión de verdade que debe sentir o lector. Se a novela sempre é unha mentira baixo o prisma da obxectividade histórica, a verdade da literatura non se pon en tea de xuízo nin sequera coas mentiras históricas porque na linguaxe dunha novela está toda a súa autonomía e a palabra produce o seu propio significado, procura a verosimilitude do que poderiamos chamar realidade posible e imaxinaria. Mesmo nesa mentira da novela se poderá agachar unha certeza disfrazada, sempre e cando o lector acabe por se recoñecer nos feitos narrados a través da súa propia experiencia e quede seducido por esa ilusión que funciona nos límites da posibilidade.

Aristóteles, na súa Arte Poética, estabelecía para o historiador o deber de contar feitos verdadeiros mentres que para o poeta, ou novelista, só cabía a encomenda do feito verosímil. E nese pensamento coido que é onde se podería entrañar a mellor mestura entre a historia e a literatura, de onde podería xurdir, máis que a verdade real e verosímil, unha verdade ideal que nos emocionase e que nos interesase moito máis que a certeza material do feito histórico.verdad2 Porque mentres que a palabra da historia nos dá fundamentalmente a representación, a palabra da literatura procura a emoción e fai que o verosímil sexa unha clase de verdade, cun mundo que está pechado pola súa coherencia interna e pola súa intencionalidade estética, sen esquecer tampouco que esa verdade, a verdade da novela, tamén está no propio escritor e na vida, na propia historia, de onde el, cunha ollada única e privilexiada, tira a verdade, a súa verdade, si, pero unha verdade existente, que xa estaba aí, na vida, na historia. O mérito do artista foi detectala.

Se reparamos na novela francesa decimonónica decatámonos de que Balzac, Zola ou Sthendal ofrécennos unha descrición da historia do seu tempo, unha mostra polo miúdo dos seus costumes e das súas xeografías; e o que configura as súas novelas como verdadeiras obras artísticas non é precisamente un realismo que se puidese pensar como espello dunha realidade obxectiva; non, o seu mérito é ofrecer unha realidade estética, expresiva, na que o home e as súas preocupacións son o centro dunha “historia” nova, virtual, que pode achegarnos máis información da época que o mellor dos libros científicos.

Do mesmo xeito, conscientes de que hai un abismo substancial entre a verdade da historia e a verdade ideal da literatura, cabería esperar que a obra histórica acollese dentro de si, tanto as certezas positivas como aquelas outras que se poderían encadrar no posible e verosímil, porque, así, o historiador traballaría máis coa imaxinación, que é o único instrumento capaz de chegar a unha percepción do posible, e tería a posibilidade de proxectar na distancia esa súa ollada que, non por ser orixinaria, presentaría un discurso menos certo desa realidade pasada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *