O camiño á casa, de Zhang Yimou

El_Camino_A_CasaXerardo AgraFoxo. Esta espléndida e lírica obra de arte (Oso de Prata do Festival de Berlín e Premio do Público do Festival de Sundance) conta unha historia sucedida nunha remota aldea chinesa durante os tempos de Mao. Cando Luo Yusheng, un home de negocios, regresa ao seu berce para asistir o enterro do seu pai, atópase cunha nai que desexa respectar as tradicións funerarias do lugar. Ela pretende que o cadáver do seu home sexa traído dende o hospital ata o cemiterio polos veciños onde el foi mestre durante varias décadas. A partir desta proposta, contada en imaxes en branco e negro, Zhan Yimou (1951) narra en cor a vida amorosa dos pais de Luo: dende que ela era unha moza de 18 anos e el chegara á aldea como novo mestre.

Deste xeito coñecemos un drama onde non existe ningunha mensaxe política confusa nin efectismos que enturben unha película que destaca por tres cousas: a sensibilidade dos temas tratados (a tensión xeracional, o respecto aos maiores e a superación dos vellos costumes),El-camino-a-casa-37 a exquisitez dunhas imaxes do campo chinés reflectido nas súas diferentes estacións e o desenvolvemento dun romance contado con tanta sutileza que soporta todas as amarguras que os dous mozos –a nena (Zhang Ziyi) e o mestre (Honglei Sun)– se atopan nun “camiño” ateigado de complicacións.

Outra excelente obra de Zhang Yimou, máis coñecido aquí por Sorgo vermello, Semente de crisantemo, Nin un menos ou As flores da guerra. Unha marabilla de silencios medidos e olladas cómplices.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *