Paisaxe nocturna

paisaxe nocturna

Unha aplicación permite contemplar a Terra a través dunha cámara que porta a ISS

Agustín Agra. Malia a friaxe propia das noites de novembro, agardo pola chegada do tempo anticiclónico. Fágoo coa esperanza de gozar dun ceo despexado da presenza das nubes que o toldan este día. Na vez de cun telescopio, acompaño co móbil as saídas nocturnas á terraza da casa. O emprego dunha simple aplicación (google sky map, de descarga gratuíta) permíteme enredar co intento de recoñecer estrelas e planetas e mitigar unha ignorancia da que non adoecían os nosos devanceiros. Nese mesmo xogo astronómico, a eles íalles a vida. No firmamento tiñan o manual que os informaba de colleitas e migracións, tanto propias como dos animais aos que debían dar caza para sobrevivir.

En 1964 o escritor italiano Umberto Eco -falecido este pasado febreiro- publicaba o ensaio, hogano convertido en clásico, Apocalípticos e integrados. Nel analizaba as dúas posicións contrapostas que xurdían ante a democratización, e consecuente masificación, da cultura de masas: a que adoptaban os integrados, que amosaban unha posición benévola, fronte aos apocalípticos, que vían nela pouco menos que a fin da vida intelixente sobre a Terra (aínda por demostrar a súa existencia, segundo lle gusta chancear ao coñecido físico teórico Stephen Hawkings).
De igual xeito, cando nos medios aparece unha nova acerca da investigación espacial e dos cartos dedicados a ela, agroman ao instante os seus integrados defensores e os conseguintes apocalípticos. Como é posible desbaldir tantos cartos dese xeito, algarean con escándalo? Mais os mesmos que critican o suposto dispendio descoñecen que mesmo é posible que algún deles gañe o caldo á conta dos froitos desa mesma procura. Dende fabricantes ata vendedores, pasando por consumidores, quen non fixo emprego de cueiros (absorbentes e desbotables, imprescindibles para os primeiros astronautas); do teflón (ideado para cubrir os Saturno V -foguetes que levaron ata á lúa as naves da misión Apolo-); do velcro (no peche do traxe de Neil Armstrong o día do gran paso para a humanidade); de alimentos deshidratados e liofilizados, amais do microondas (ou como reducir o peso e quentar os alimentos no espazo); por non falar da innúmera tecnoloxía derivada, dende o TAC (tomografía axial computerizada) e os microchips ata os satélites de todo tipo: telecomunicacións, meteorolóxicos, GPS…

Quizais esas opinións sexan un diagnóstico da sociedade. Quizais. Malia que integrado no que se refire á investigación científico-tecnolóxica, recoñezo ser bastante escéptico, por non dicir apocalíptico, no que ao rumbo do mundo respecta.

Durante un intre dubido; déixome atacar pola melancolía e dou en pensar que a luz brillante que percorre o firmamento podería ser a estrela de Leonard Cohen. Mais non. Velaí o que buscaba: a ISS, a Estación Espacial Internacional. Unha outra aplicación permíteme confirmar o achado e contemplar a Terra a través dunha cámara que porta a ISS, mentres viaxa a 27.700 km/h, dende unha altitude media duns 400 km. Malia a súa magnificencia, as imaxes énchenme de impotencia; xa non o verei, mais o espazo será, a medio prazo, a nova gran fronteira; a longo, o destino da humanidade.
Esta entrada foi publicada en Agustín Agra, Ciencia, Ensaio. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>