O cuarto dos nenos, de Valentine Goby

gobyXerardo AgraFoxo. Outro libro máis sobre o xenocidio nazi? Non está escrito todo sobre este asunto? Talvez non, porque neste caso, a escritora francesa Valentine Gaby (Grasse, 1974) conta un episodio baseado nos nenos que naceron nos campos de concentración que se ergueron durante a Segunda Guerra Mundial. Esta novela sitúase en Ravensbrük, onde foron internadas 40.000 mulleres de varias nacionalidades e relixións. Ata aquí é deportada Mila, unha moza militante da Resistencia francesa, tras ser detida pola Gestapo durante unha acción clandestina. Ela ignora todo da súa viaxe cara ao inferno, pero procurará con todas as súas forzas aferrarse á vida porque leva nas súas entrañas un ser de tres meses. Mergullada no terror que a espreita por todos os currunchos, descubrirá que, ademais dun Krematorium, existe no lager un sitio para a esperanza, o Kinderzimmer, “un barracón destinado aos naipelos, un lugar cheo de vida na metade dun campo de desesperación”.

Goby_ValentineO cuarto dos nenos (2016), que levou o Premio dos Libreiros Franceses de 2014, narra esta crúa historia a partir da visita que a protagonista realiza a un instituto para contarlles aos cativos a súa traumática experiencia uns anos atrás –“verse nun espello, atravesar o espello, rozar os corpos e dicir: son eu”–. Unha andaina que nos atrapa ademais por algún xiro inesperado que amosa a coidada trama argumental. Cunha prosa directa e áspera e sen realizar ningunha concesión efectista, (“outubro é unha tortura de noites de vixilia”),  Valentine Goby implica o lector nun episodio onde o terror trazado polos xerarcas nazis se enfronta co sentido da amizade e o valor dunhas mulleres que loitan por sobrevivir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *