Auxe e decadencia de Cimadevila

cimadevila

Á beira da nova estrada formouse unha fermosa, ampla e lineal rúa sementada de árbores

Antón Rodríguez Gallardo. A existencia de Cimadevila está datada xa con anterioridade ao século XVIII, cando non era máis que un exiguo casarío ás beiras do camiño real de Padrón a Ribeira no seu percorrido pola ladeira do monte Espiñeira. Será a partir de mediados da década de 1860 cando adquira protagonismo na vida boirense ao se trasladar, dende A Tenencia a este lugar, a casa do concello e, polo tanto, a sede da administración e a capital municipal. A apertura contra 1890 da estrada que substituía ao camiño real como principal vía do Barbanza ía canalizar o seu crecemento. Os seus edificios, agora de corte urbano, acabarán por formar unha fermosa, ampla e lineal rúa ao fío da nova estrada, sementada de árbores dende 1915. A medio camiño entre unha aldea e unha vila, Cimadevila, debedora das dúas vías de comunicación, recibirá a denominación oficial de «lugar».

Ás súas funcións administrativas (concello, recadación de impostos, xulgado de paz, cárcere…) e outros servizos públicos, irá unindo unha pequena, pero crecente actividade mercantil. No abrente do século XX conta cunha feira mensual (Espiñeira) e un mercado de peixe diario, servizos de avogado, médico, veterinario e botica. Tamén con algunha pousada e casa de comidas, tabernas, comercios de tecidos e comestibles, ferraxería, panadería, carnicería e obradoiros artesáns. Toda esta actividade, que dota o lugar de personalidade diferenciada, converterá Cimadevila no modesto, pero, en certa medida, dinámico centro de servizos boirense. A orixe dalgúns dos seus veciños, maioritariamente comerciantes e artesáns, propiciou que nalgún tempo se coñecese como o barrio dos Castellanos.
O seu período de maior vitalidade parte dos anos 20, cando, ao igual que A Tenencia -outro dos barrios do centro de Boiro-, se incorpora ao proceso modernizador experimentado polos principais núcleos da bisbarra.

Os aires renovadores materializaranse na chegada da iluminación pública eléctrica, o cine, o teléfono, os automóbiles de aluguer ou o fútbol. E tamén a través das comunicacións interiores, coa construción dun camiño veciñal que, dende a propia Cimadevila, se dirixe ás parroquias de Abanqueiro buscando os portos de Portomouro e O Bodión, usados polos comerciantes boirenses para proverse de mercadorías en Vilagarcía e Cespón. O seu comercio actualízase grazas a xente como Isabel Maestre, promotora de iniciativas novidosas como a instalación dun surtidor de gasolina ou un cinematógrafo. E o mercado diario ampliará a súa oferta con postos de pan, froitas e hortalizas, quincalla, tecidos… Con todo, por estes anos a capital perdía servizos a favor de A Tenencia (estación telefónica, parada de taxi, cooperativa agrícola) e comezaba unha pugna con este barrio pola ubicación do edificio da praza do peixe.

Baixo a denominación oficial de Fermín Galán (II República) ou General Sanjurjo (franquismo), entre os anos 30 e 50, Cimadevila seguirá sendo, a pesar do seu escaso desenvolvemento demográfico (pouco máis de 200 habitantes neste período), o máis importante centro de servizos de Boiro. Porén, a perda da batalla pola praza do peixe, xunto ao traslado da sede do concello en 1957, diminuirá en gran medida o seu atractivo e marcará o inicio do seu declive, que será definitivo no abrente da década de 1980, cando deixa de ser oficialmente a capital do concello de Boiro.

Esta entrada foi publicada en Antón Rodríguez Gallardo, Ensaio. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>