Galicia e os galegos na poesía castelá XLIV. Blas de Otero

blas de oteroRomán Arén. Houbo un tempo que cando no estado español se falaba de “poesía social” ou cívica, pensábase na obra de Celso Emilio Ferreiro, Gabriel Aresti, Salvador Espriu e Blas de Otero. Algúns podían engadir Gabriel Celaya e, quizais, Ramón de Garciasol e Leopoldo de Luis. Era unha visión algo estreita, pero verdadeira. Blas de Otero e outros poetas son algo, moito máis que poesía cívica, e fican moi lonxe da poesía panfletaria doutros epígonos ou doutros poetas importantes que fixeron concesión á “doutrina”. Non sei se hoxe se valora ben o gran poeta que foi Blas de Otero (1916.1979) que comezou como poeta de raíz relixiosa en obras como Cántico espiritual (1942) para producir unha conmoción na poesía hispánica con Ángel fieramente humano (1950). Poesía da outredade, do conflito, do “problema” de España, logo virían libros como Redoble de conciencia (1951), o famoso Pido la paz y la palabra (1955), Ancia (1958), En castellano (1960), Con la inmensa mayoría (1960), Es no es un libro (1963), Que trata de España (1964), Mientras (1970) e Poesía con nombres (1977).

En 1970 publicou Historias fingidas y verdaderas, onde anova a súa poética ao mesturar a prosa coa poesía, os versos propios cos alleos. Neste libro está o texto “En terr’aallea”, unha homenaxe a Rosalía de Castro: “una mujer escribe febrilmente en su tierra lengua vernácula (n’a lengua qu’eu falo). Un simple cantar llueve su cursiva en la queixosa frente del romance.

De noite, de día,/n’aurora, na sera,/oiresme cantando/por montes e veigas.”

Remata así o texto de Blas de Otero: “Y suene entre la lluvia la sutil cursiva de los cantares:

…teus doces cantares/falando por todos/y alguien”.

Non é o único español que fixo un poema en prosa, pois entre outros está o que dedica a Rosalía Francisca Aguirre en Los maestros cantores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *