Castelao no Ilicinio

pico sacro1Xosé Manuel Lobato. Transcorría o ano 1924 cando o vate de Rianxo visitou o Pico Sacro, unha viaxe organizada na honra do insigne rianxeiro, que se celebrou o dezanove do mes de Santiago. A comitiva parte da vila da Estrada, entre os viaxeiros encontrábanse García Barros (Ken Keirades), Castedo, Nodar Magán e Pedro Brei. Coa súa chegada a Lestedo, tamén se une ao grupo un indiano adiñeirado coñecido polo señor Sinde. A subida dende a aba de poñente foi realizada a pé, por aqueles tempos era a única forma de acadar o cumio, por carreiros costentos acadaron a fonte do santo, na actualidade desaparecida do seu enclave centenario.

Afortunados, os viaxeiros beberon da fonte do santo, tamén coñecida como do ouro ou do Pico, unha fontiña milagreira de pegada milenaria que era venerada e adorada polas xentes e os romeiros. Paradoxal que esta fonte permanecera durante séculos no seu enclave, mais foi coa chegada dos chamados demócratas municipalistas cando desaparece, mais o embruxo e feitizo das súas augas aínda perdura na memoria pétrea dos romanos, malia o espolio do que foi obxecto. Aínda na actualidade chegan as súas augas por outros cursos diferentes, pero sen esquecer a súa digna orixe, ata o imperturbable leito do río Ulla.

 E o labio ao picho porei/que xente nosa labrou,/xente de coartada lei/seguro que non o luxou,/bico de moruna grei.

A fonte foi testemuña muda do espolio continuado do monte, pois semella que o encanto deste alto consegue extraer do ser humano toda a súa avareza transformada en mesquindade, e furtar do xardín colectivo co único obxectivo de iluminar o palleiro privado.

pìco3Saciada a resaca da escalada no picho da fonte, con renovadas enerxías, Castelao e os seus acompañantes visitaron e gozaron dos enclaves emblemáticos do Pico: a capela de san Sebastián, a rúa da raíña Lupa, os buratos dos mouros, os restos da fortaleza situados no mesmo cumio do Pico. Unha cima dende a que Castelao puído contemplar a súa amada Galicia na ollada ilusionada dos seus guías.

Porén, segundo lle confesou Sinde aos veciños en días posteriores, o que realmente deixou abraiado e co alento entrecortado ao vate rianxeiro foi visualizar, entre o palio formado polo pico Muralla, a Curota e o Xiabre, o retrato emulsivo da ebulición das augas do Ulla nunha impresionante fotoluminiscencia que reflectía o seu Rianxo natalicio ao longo da bóveda celeste.

O camiñar do reloxo confirmou as primeiras impresións de Sinde, pois varios anos despois, Castelao lembra ese Pico na súa Alba de Groria, unha xoia xurdida do seu amor por Galicia e tamén da profunda pegada do Pico Sacro.

Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sagro.

Miñas donas e meus señores, o percorrido de Castelao por Galicia ten como orixe e ara o senlleiro monte Ilicinio, o faro mítico que é guía fiable da terra galaica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *