Pinturas de Paco Casal

paco casalEme Cartea. Paco Casal, pintor ferrolán asentado en Aguiño, aprende o amor á pintura da súa familia, que dende o 2010 exerce 25 horas ao día.

Debuxo, acuarela, pastel, óleo, acrílico… Nada lle é alleo a este recreador de paisaxes tiradas da súa Galicia cordial, ficticia e real, máxica e supersticiosa, interior e marítima, poética e metafórica. Unha Galicia que dura e non pasa.

Dicir paisaxista, en Paco, é falar maiormente de pintura de marxes e límites, esas franxas de territorio que estreman entre contrarios como a auga, a terra e o ar. O lume, nel, é xa a paixón do oficio.

paco casal2Foi Paco Casal un pintor de paisaxes sentimentais, doridas. Auténticas sinestesias onde os sentidos permutan e, p. ex., nos fan oír cores ou ulir un arpexo de Mozart. Unha mariña de textura rugosa e matérica pode espertar un sabor agre, en tanto que lisa é quen de incitar un sabor doce. E así é.

Pintura, pois, de marxes e límites, como un topos feraz ou conxunción copulativa entre terra e mar, mito e realidade, lenda e historia, verdade e ficción…, capaz de xerar un clima á vez de soidades e de silencios, nunha riquísima gama de experiencias vividas. E lidas, pois que a literatura é para el manancial de inspiración: Cantares, de Rosalía, ou Terra Brava, de Fole, de onde tira a teimuda fascinación pola paisaxe, adozada de premonicións, meigas e trasgos, pantasmas e bruxas, aquelarres e Santas Compañas…

paco casal 1Unha dimensión espiritual-mitolóxica que nos mergulla nas nosas orixes. Obra consistente de seu, tinxida de líquida transparencia, sinxeleza e personalidade. Pintura entusiasta que resume a fusión de complementarios como modelo formal dun ricaz sentimento, esgazado á vez que simbiótico.

Transmutar o cromatismo da materia en sensación emocionada, eis a fin da pintura de Paco Casal, a modo de canto alegórico ao invisible, que non existe, pero que está e nos interpela dende esa sintaxe entreaberta a modo de chama esencial e arcana.

Raizames en flor. O tempo que foi e anticipa. Ou como nos dixo Verdi, Giuseppe: “torniamo all’antico e sarà un progresso”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *