Aplaudir o sol

aplaudir1X. Ricardo Losada. Souben hai pouco que moitos peregrinos que van ao faro de Fisterra ver o fermoso ocaso, aplauden cando o sol se pon. Non me parece mal, pero recoñezo que percibo nese acto un tufo antropomorfista que non me gusta. Eses peregrinos tratan o sol como se fose un futbolista que marca un gol ou como un cantante de ópera tras unha aria, e eu preferiría a reacción habitual. Tratar o futbolista e o cantante como se fosen soles, e non os soles como se fosen futbolistas ou cantantes. Non é que me negue a celebrar a beleza dos fenómenos naturais senón que creo que ese tipo de celebracións deben ser distintas das celebracións humanas convencionais. Tampouco teño nada en contra de que dous namorados celebren unha boa cópula aplaudindo, pero paréceme máis apropiado unha aperta entrañable na escuridade.

Deberiamos buscar, xa que logo, unha forma máis natural de celebrar o fermosísimo ocaso fisterrá. Non sei cal, pero teño claro que debería parecerse a ese xesto tan humano de converter a man en viseira para protexernos do sol. Sempre me pareceu un xesto natural e espontáneo, discreto e eficaz, respectuoso coa natureza, como creo que deberan ser (aí tedes o control do lume e a roda, por exemplo) todos os grandes inventos humanos. Algúns detractores dirán que é un xesto demasiado parecido a un saúdo militar (chega con deixar esvarar a man da sen á fronte), e coincido con eles, pero só en canto á dinámica de execución. viseraNo estilístico e no simbólico, que é o que conta, é todo o contrario. No estilístico porque o movemento que leva da man estirada á man en viseira ten a mesma delicadeza que o movemento do brazo para coller a man dun neno, mentres que no saúdo militar sempre parece que queres pegarlle a alguén. No simbólico porque mentres que o saúdo militar denota submisión ou superioridade, a viseira manual sobre a fronte integra perfectamente, como nunha amizade, o poder do astro rei coa debilidade humana.

Comprenderedes así que vexa con malos ollos (nunca mellor dito) as gafas de sol. Paréceme triste que estean acabando cun xesto tan ancestral e fermoso. Entre os recordos máis estéticos da miña vida están as imaxes daqueles vellos mariñeiros da miña nenez rianxeira mirando o mar desde a ribeira, e sinalando cunha man o barco que entra no porto mentres a outra os protexe do sol facendo unha viseira na fronte engurrada. Téñoos visto moitas veces observando os ocasos no Barbanza, que non desmerecen os de Fisterra, por certo, e xamais os vin aplaudir. Ao contrario. Celébranos con outro dos xestos naturais máis fermosos que coñezo. Cruzarse de brazos e mirar, nostálxicos, case náufragos, o baleiro iluminado que o sol deixa sobre o Barbanza.

5 comentarios en “Aplaudir o sol

  1. 1- Eu tamén chorei a veces en circunstancias similares. Porque son home.
    2-Iso si que me gusta. Aplaudir desde o interior. O que me parece pouco espontáneo é o “aplauso exterior”. Pero insisto. Manías miñas.
    Apertas

  2. Claro que tenemos diferentes sensibilidades, tú, eres un hombre y yo una mujer. Simplemente somos distintos porque nuestra condición así lo requiere, pero¿ sabes? yo he hecho varias etapas de ese hermoso pero duro camino. No he visto el ocaso desde ese increíble entorno pero he visto la aurora traspasar los árboles de un frondoso bosque y he llorado. Soy mujer.
    Agradeces tanto ver las cosas hermosas que te ofrece la naturaleza y te sientes tan gozosa cuando te alcanzan otros peregrinos y te dicen con una sonrisa ” Buen camino ” que a veces aplaudes desde tu interior. Me ha tocado a caminar con lluvia y claro que no he abucheado al sol ni a la lluvia porque también es previsible y la naturaleza es bella en todos sus ciclos.
    Besiños palmeiráns apreciado amigo

  3. Pois nada, temos diferentes sensibilidades para eses aplausos. E, en cuestión de sensibilidades, non se trata de que eu trate de convencerte nin ti a min. Só podo contarche o que pensei nada máis ler a noticia con espontánea estrañeza:
    1. Aplaudimos algo que ten mérito, e a min a beleza natural gústame porque non ten
    mérito ningún.
    2. Se eses peregrinos chegasen a Fisterra un día nublado que impedía ver o ocaso, “abuchearían” as nubes por augafestas ou o sol por suspender a función sen avisar?
    Son manías miñas, como ves, pero que sería un sen as súas manías!!!
    Apertas rianxeiras

  4. Pues yo creo José Ricardo, que también aplaudiría a una siempre hermosa puesta de sol, eso suele ser espontáneo. Cuando algo te llena sonríes y ovacionas a eso que enamora. Cuando te detienes a descansar después de una dura etapa y ves el crepúsculo que te regala con su rojizo color el descanso de la dura jornada, qué menos que saludarlo con una aclamación y después … cruzarse de brazos para continuar contemplando como los viejos de tus recuerdos ese ocaso que te dará fuerzas para la nueva y dura etapa que te espera al día siguiente.
    Besiños palmeiráns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *