A indeleble liña vermella

rómulo1Francisco Ant. Vidal Blanco. De liñas vermellas e outras gaitas está chea a prensa diaria, o que me lembra a cando no recreo da escola, o Virulillas cruzou unha raia no chan, apartouse ata poñerse á sombra do curmán, aquel que lle levaba dous furados máis no cinto, como xa temos comentado, e increpou a Moncho: «Anda, pisa esa raia se te atreves».

Non era aquela a primeira vez na historia do mundo que o cruce dunha simple raia marcada no chan se converte en río de sangue, que eu saiba a mesma Roma, capital de dous imperios, do Romano e do Vaticano, foi fundada sobre unha liña vermella. E a historia xa todos a sabedes: Dous irmáns xemelgos, Rómulo e Remo, que compartían a ilusión de dirixir e consolidar un pobo de pastores e agricultores libres e sen ataduras, puxéronse a organizar unha cidade nova, con leis máis modernas, cunha constitución máis igualitaria e deixando de lado as arcaicas formas que ata aquela gobernaban na veciñanza; e como rei non pode haber máis ca un, e os dous tiñan sobrados motivos para opositar ó cargo, comezou a primeira discusión de política e estratexia, por ver quen tiña mellor vista para sentar no solio real, e gañou Rómulo, que foi quen de ver doce voitres onde seu irmán só vía seis. Primeira discrepancia e primeira desconfianza, porque ninguén está seguro do que ve o outro se un mesmo non o ve. Pero eran irmáns, e para máis xemelgos, co que decidiron separarse, e mentres un se foi ó Palatino o outro asentouse no Aventino, e aí naceron novos problemas, que ambos eran outeiros e había que saber ata onde chagaba a aba de cada un, onde poñer os marcos no fértil val que había entre ambos. E entón foi cando Rómulo trazou a súa liña no chan, colleu un par de bois e un arado e fixo un rego sobre o que irían colocadas as pedras da muralla da súa cidade, dando orde expresa de que, aínda que non había paredes, ninguén podía cruzar por aquela raia.

E os dous irmáns, que viviron baixo un mesmo teito e mamaron do mesmo leite, se ben ata aquela mantiñan as formas a pesar das súas diferencias como calquera veciño, ó independizarse medraron aquelas e naceu a envexa, por ver quen era máis ca quen, e entón un día, aproveitando que había festa no Palatino, Remo foi de visita para compartir doces e licores, e cruzou por encima da raia. Nunca tal fixera. Aí comezou a discusión, se eu xa dixen, eu non sabía, ti non sabes o que non queres, ti es un mexericas, ti a min non me dis iso… e empezaron por un empuxón e remataron espada en man ata tinxir aquela raia marcada no chan de sangue vermello.

Tamén naquela ocasión de Moncho, que era observado por todos nós, ansiosos por ver ata onde chegaba a súa valentía ou a súa covardía (naqueles tempos de prudencia ninguén falaba), empuxado polo orgullo e refreado pola presencia do curmán, adiantouse con intención de pisar a raia, pero entón apareceu por alí don Manuel, un mestre en prácticas, quen poñéndose na mesma liña decidiu por todos, sacou un pano e solicitou: Imos xogar ó Pano, veña repartirse a ambos lados da raia.

E o caso foi que todos nos quedamos no lado de Moncho.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *