Viaxe á última Revolución, de Xerardo AgraFoxo (II)

viaxe-a-ultima-revolucionAntonio Piñeiro. A literatura de viaxes ten esa dobre valencia da estadía narrada e da transportación que o lector experimenta ao lela. Adoitamos opinar que a literatura de viaxes acolle algúns dos mellores referentes da literatura universal. Xerardo AgraFoxo sábeo e decide espremer desta volta as posibilidades do xénero nun escenario quizais propicio coma ningún: o espazo cubano, definido tantas veces -algunhas delas recollidas tamén no libro- xeograficamente coma o paraíso. Xerardo transpórtanos ao espazo e ao tempo por medio dunha crónica que non queda nesas dúas cousas, senón que vai tamén ás paisaxes humanas, ao pensamento das xentes, aos recullos do sentir e, sobre todo, á presenza do acontecemento que condicionou o devir (polo menos estes 55 últimos anos, ata a redacción do libro) dos lugares visitados.

Baixo unha proposta lineal, sinxela, típica da abordaxe dunha crónica viaxeira, atopamos en realidade unha receita moi ben medida, cos ingredientes moi ben dosificados e os tempos de preparación acertadísimos. Paisaxe, clima, costumes, xentes, xergas, contornas, pasos e descubertas, véñense concitar, pola escrita-andaina-respiración experiencial de AgraFoxo durante a súa estadía na illa, coa análise poliédrica do que deixou ese acontecer histórico.

Eu xa tiña unha previa orientación da lectura nas propias palabras que o autor me dixera hai uns meses, antes da saída do libro: hai que ir só, amigo, sen a compaña dun programa, nin sequera dun roteiro preconcibido, para que todo aconteza cando teña que acontecer e como teña que acontecer, para que a viaxe sexa verdadeiramente a de un. Algo así me dixera.

Por iso dende os primeiros quilómetros o lector vive con Xerardo. Interésalle cada lugar ao que vai chegando. É coma se un mesmo camiñase, e as páxinas se convertesen en superposicións paisaxísticas, veciñais e transitables. Un, que decote se deixa ir polo fermoso devagar dos camiños -aí a filosofía sendeirista-, di iso coa incerteza que sempre conleva explicar a andaina, calquera andaina; pero tamén coa fascinación -esa sorte de paz musicalizada de tempo, de interioridade e de paxaros- que o percorrido suscita.

viaje-1Mentres avanza, AgraFoxo vai facendo tamén un percorrido polas vidas, polos períodos, polos costumes, incluso polos carteis, memoria gráfica e intencional dunha revolución que a propia paisaxe parece contradicir, rexeitar cada vez máis abertamente: “… La Revolución, pujante y victoriosa, sigue adelante …” (Pax. 53) fronte ás imaxes decadentes, regresivas e esmorecentes dos arrabaldes, as fachadas e os obxectos cotiáns. “… La Revolución está hecha y no se detendrá jamás …” (Pax. 146) fronte á panorámica detida, parada noutro tempo, das rúas da cidade. Hai ese contraste continuo, ao longo de toda a novela, coma se un se atopase nunha situación, lugar límite, mais precioso. Algo así -valla o exemplo- dise do mar.

Un elemento significativo do libro é o da cesión da voz. AgraFoxo deixa que sexan os propios cubanos os que conten parte da historia, intercala esas voces no percorrido lineal, logrando que o conxunto nos pareza, non unha realidade concreta, senón o fráxil tecido de moitas realidades particulares. Non creo que me engane demasiado se digo que este é tamén un dos puntos fortes da súa produción literaria, a xestión eficaz dos protagonismos, tanto coma dos tempos, da linguaxe, dos ritmos, das ambientacións ou dos recursos narrativos. E ese é tamén, coido, o cualificativo axeitado: eficaz, porque AgraFoxo busca sobre todo o contacto directo, a literatura neta, capaz, fluída, chagadora que, en Viaxe á última Revolución se nos presenta na perceptible economía do accesorio e na presenza dese coloquialismo -termos coma pedir botella, resolver, ou guapear- que se tivo que ir metaforizando para somerxerse nas turbideces semánticas daquel contraste.

habana3Outro elemento é o do intercalado de pequenas historias que por si mesmo conforman unidades independentes dentro da unidade do relato. Hai moitas, pero porei como exemplo a do pintor do café, no capítulo de Guanabacoa (Paxs. 231 a 233), que lle sae ao paso a Xerardo nun apeadoiro e entaboa conversa con el, enleándose pouco a pouco no argumento dun episodio que remata nun curioso desenlace coa raíña Sofía. Estas historias, sen romper o fío da principal, confírenlle ao texto un segundo ritmo que enriquece a súa estrutura ao mesmo tempo que o fai máis dinámico.

Resultoume especialmente notorio o feito de que AgraFoxo aborde a crítica inevitable do sistema sen circunloquios coma autosuficiencia ou subsistencia, senón dicindo directamente supervivencia. O que está a acontecer actualmente no país preséntao nun ton veraz, case que nunha linguaxe xornalística, ao longo das referencias que vai dando (“A nosa situación é moi complicada. Nunca consumo nada fóra da casa, nin fun a ningures. Éme imposible estar nunha terraza de Bayamo. Se consigo aforrar algo, é para mercar algún produto de aseo persoal ou unha peza de vestir a prazos” (Pax. 116), que chegan a recordar certas etapas da nosa propia Historia, coma no caso dos vendedores de bibliotecas para conseguir uns cartos cos que manter unha mínima dignidade vital, coincidente co que lle ocorría ao personaxe principal de Esta oscura desbandada, a novela que Juan Antonio Zunzunegui escribiu sobre a situación española da posguerra, mentres pasaba o verán de 1951 acó, en Santa Uxía de Ribeira. Pero é no capítulo de Finca Vigía, ao relatar o episodio do vello oncólogo doutorado pola Universidade de Monreal (Paxs. 243 a 245), cuxo desenlace non vou furtar ao impacto que produce a súa lectura, onde tal cualificación nos chega con toda a súa crueza.

habana1Santiago, Santa Ifigenia, Guantánamo, Baracoa, Holguín, Bayamo, Camagüey (…), Cienfuegos, Santa Clara, Matanzas, Cojímar, Guanabacoa, Finca Vigía …, o relato transcorre, con pequenas excepcións, polos escenarios do percorrido da Revolución, cousa que tamén AgraFoxo vai recalcando ao ir transcribindo as lendas dos carteis alí onde quere poñer un acento ou recordar que os está transitando. A condición de viaxeiro-observador-cronista pasa entón á literatura crebada polo estremecemento, polas sensacións que se desprenden do cismar a réplica, do sentir que vai un pisando ese mesmo chan, respirando ese mesmo ar, atravesando o tempo que as imaxes parecen teimar en dicir que segue sendo o mesmo.

Produce algo especial o ter nas mans un libro coma esta Viaxe á última Revolución, de Xerardo AgraFoxo. Poucas veces gusta un de absorber cada frase, cada palabra, mesmo o uso de cada signo de puntuación, polo gorentoso e fresco do seu acabado. Veño de rematar de lelo e, ao me incorporar, notei claramente como quedaba ese oco que deixan algúns libros: o oco do desexo. É difícil describilo sen caer na banalidade ou no tópico, mais abonda con dicir que é unha sensación que producen só os relatos cheos, xenuínos, verídicos e capaces. Xerardo AgraFoxo cadrou unha crónica de carácter, de moito carácter, intensa e tranquila á vez, densa en coñecemento e fluída en lectura, nunha hábil mestura de traxectos, feitos, conceptos e sentidos que estou certo que enfeitizará de Cuba e de literatura a quen se achegue ás súas páxinas.

Esta entrada foi publicada en Antonio Piñeiro, Narrativa, Viaxes. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Viaxe á última Revolución, de Xerardo AgraFoxo (II)

  1. x ricardo losada di:

    Coincido plenamente coa túa visión do libro de AgraFoxo. NOn foi unha sorpresa porque creo que é un xénero que vai moi ben coas súas calidades intelectuais, psicolóxicas e físicas. E agora tamén diría estilísticas. Unha prosa clara e precisa, sen concesións á lírica ou á ideoloxía, menos aínda ao politicamente correcto. Para min o mellor Agrafoxo dos varios que levo lido. Creo que ten outro libro de viaxes no horizonte. Impaciente quedo.
    Apertas rianxeiras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>