A toma do poder polos nazis, de William Sheridan Allen

NAZI 001Xerardo AgraFoxo. Esta obra é esencial para comprender como un partido totalitario puido facerse co poder nun país democrático, onde o liberalismo, a cultura cosmopolita, unha sociedade aberta, unha economía industrializada e competitiva e un movemento obreiro poderoso viuse derrotado pola revolta nazi. Este investigador da Universidade Americana de Búffalo analiza os acontecementos da caída da República de Weimar, a partir de Northeim, una vila alemá situada no centro do antigo Reino de Hannover, que sufriu as consecuencias da gran depresión económica dos anos trinta e contemplou despois como unha boa parte dos seus honrados cidadáns se deixaron convencer –pola trampa da propaganda do NSDAP– para intentar restaurar o seu pasado de esplendor. No 1932, un 66 % da poboación votou os nazis, cando no 1928, apenas recibiran un 5% dos votos.

Servíndose da experiencia xurdida neste pequeno enclave da Baixa Saxonia, William Sheridan Allen, analiza polo miúdo outros factores que, á parte manida da crise económica, tamén propiciaron o auxe do nazismo despois do remate da I Guerra Mundial e a aldraxe sufrida en Versalles: o descrédito do sistema parlamentario, o oportunismo dalgúns grupos sociais, a ausencia dunha clase dirixente respectable, o odio da burguesía á socialdemocracia, o desgaste dos valores democráticos e a imparable a corrupción da clase política.

Segundo as minuciosas investigacións de William Sheridan, os nazis de Norheim contaron coa bendición das clases máis conservadoras porque estas pensaron que os partidarios de Adolf Hitler eran máis vigorosos e resoltos para abordar os  graves problemas económicos que lles afectaban naquela convulsa época.

Malia o que xa choveu, este libro resulta unha lectura imprescindible para comprender ata onde pode levar unha política construída ás costas dos intereses da cidadanía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *