A música das esferas, de Carlos Lema

cuberta-sombra-peqGonzalo Trasbach. No principio foi o mundo. E logo, o mito e o lógos, un <dicir> para nomear as cousas, para ordenar e conseguir que o ser humano puidese habitar o mundo. Habitar é ordenar un lugar. Habitar e delimitar o antes ilimitado… Parte de aquí A música das esferas (Xenealoxía da orde do mundo), de Carlos Lema (San Sadurniño, 1958). O segundo ensaio do editor e poeta, que vén de publicar Euseino?, un dos proxectos máis recentes do panorama editorial galego que destaca pola súa aposta pola filosofía e que nos presenta unha ampla panorámica da historia da filosofía, que acostuma arrancar das achegas da Grecia clásica, como punto nodal do pensamento occidental.

Lema analiza a evolución na concepción do mundo desde os chamados gregos arcaicos, pasando por Platón e continuando polas reapropiacións que posteriormente fixo o cristianismo, para culminar na reinterpretación da escatoloxía cristiá que fixo a Ilustración. Con tal motivo, Lema retrocede á orixe, ata o comezo do relato (mito), ao nacemento do cosmos, ata algo que pertence á fonte da memoria, a Mnemosine. Para isto bota man da xenealoxía, un instrumento para cuestionar, sospeitar, do que se presenta coma verdadeiro, mais non para determinar verdade algunha. Na liña do mito, para avanzar cara a Pitágoras, Hesíodo, Orfeo, o primeiro filósofo, e Dionisio, son as figuras que ocupan a primeira etapa do seu traballo. Na procura dunha orde primixenia, neste período vaise explicar unha concepción do mundo alicerzada sobre dous polos: os números e a música, unha concepción ligada á harmonía celeste e na fronteira aínda de filosofía e relixión.

carlos lemaDespois escolle o Timeo, un dos Diálogos máis sobranceiros, para encarar unha sucinta explicación do pensamento de Platón, non tanto da parte máis popularmente difundida, senón fundamentalmente no que atinxe á concepción do mundo que sustentan as obras do mentor da República. Relata logo o noso autor a revolta que traslada a división entre mundo transcendente e mundo inmanente ao propio home (Agostiño e Descartes). A idea de que a filosofía é unha teoloxía revelada, de que a iniciación aos misterios precisa dunha purificación e dunha expiación, termos que van emerxendo da renovación que realizaron o pitagorismo e o platonismo nos primeiros séculos da Era Cristiá. Neste contexto, o pensar grego e o mito sofren unha mutación na que a filosofía devén teoloxía e o mito doutrina: isto ten moito que ver coa idea de <orde> que implica outorgarlle ao cosmos un fin, un télos, unha orixe e un final.

Na última parte do libro aborda a transformación que se produce, despois de Descartes, coa Revolución francesa. É dicir: a absoluta confianza na Razón e no ineluctable progreso da historia invirten a escatoloxía e a “oikomonía” cristiás, mais mantén a necesidade de salvación. A historia teolóxica vira historia teleolóxica, pero a remisión a outro tempo por vir permanece. A nova fe formúlase en 1789 coa Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán. A esta formulación, atada a palabras como progreso e revolución, non é alleo o marxismo, vinculado ademais á concepción do tempo lineal, moi afastado do movemento cíclico dos astros e o tempo que compartían humanos e deuses na Grecia arcaica.

Ambicioso e denso, o libro de Carlos Lema, que talvez precisase dun estilo máis claro, parece concibido para especialistas na materia. Semella, non obstante, deixar abertas interrogantes no debate entre as relacións dos planos transcendente e inmanente. Velaquí algunhas:

-¿Sen ningunha clase de transcendencia, ao menos desértica, é posible algunha inmanencia (o inmutable do devir?), iso que poderíamos chamar “platonismo” do múltiple, un deus da ausencia de deus? Se non hai transcendencia algunha, ¿é posible a terra, o kosmos? Entendendo terra como “afora”, esa terra máis fonda que todas as súas leis. A diferenza entre transcendencia e transcendental, ¿non é un subterfuxio? ¿Que é a transcendencia? ¿A escisión que fende e sostén a inmediatez?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *