Castelao en viñetas

castelao viñetas 1F. Blanco Alcaide. A Iván Suárez -debuxo- e Ignacio Vilariño -guión-, pasoulles algo moi común nesta vida: comezas a facer unha cousiña e unha cousa leva a outra e… O que a primeiras ía ser unha historia de monicreques ou unha análise sobre a función social do cabezudo, agora mesmo estase a converter nun ambicioso proxecto de oito volumes en banda deseñada que abrangue a  vida enteira de Castelao. Era preciso que alguén se atrevera a facelo.

Ata o de agora van publicados tres deses oito volumes en Demo Editorial, coa importante colaboración da librería Kómic de Compostela, templo galego da Banda Deseñada. Titoán, gañador do VII Premio Castelao de banda deseñada, aínda que cronoloxicamente no proxecto é o cuarto, foi o primeiro en ver a luz e o que turrou do proxecto. Está baseado no relato autobiográfico Peito de lobo de Retrincos e nel cóntase a historia dun cabezudo que fai para as festas de Rianxo grotescamente semellante a un veciño mariñeiro no que a vexación e odio inicial acaban por converterse en orgullo e amizade.

O  pobre tolo é o primeiro da saga e segundo en edición, baseado no Adro de Sempre en Galiza e nos artigos Verbas de chumbo, nel amosan a dureza do desterro en Estremadura.

castelao viñetas 2O terceiro, Máis alá, título sacado do manifesto vangardista de Manuel Antonio, acaba de editarse e nel nárrase o percorrido de Castelao por Europa no que toma contacto e xulga abertamente as Vangardas Artísticas.

Este achegamento histórico ós diferentes perfís da figura de Castelao, ademais de ser rigoroso nos datos, é unha relación imaxe-palabra fluída, cun debuxo de trazo expresivo e lixeiro, ser caer en efectismos innecesarios que provocan unha lectura limpa e clara. A ambientación sinxela e crible axuda na aproximación, non só do personaxe, senón dunha época da nosa historia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *