Planh. 10 poemas, de Anne-Marie Cazalis

planhRomán Arén. Aínda que non o pareza, estamos culturalmente vivos. Malia os medios de comunicación que nos invisibilizan, as autoridades que din defender a nosa cultura atacándoa, estamos vivos. O esforzo duns poucos, cantos?, segue a pelexar por unha cultura galega. Nesta loita son parte fundamental as pequenas editoriais que nos ofrecen o que outras non queren, ou non poden, darnos. O Figurante Edicións ofrece, da man de Edelmiro Momán, Planh, de Anne Marie Cazalis (1928-1988), a escasa obra poética da gañadora do premio Paul Valéry, a cronista de “Elle”, actriz, narradora (Le coeur au poing, 1976, La Décennie, 1972), ensaísta, unha das “musas” de Saint-Germain des-Prés, amiga de Juliette Gréco, Boris Vian, Sartre, Anne-Marie Deschodt. Unha muller chea de sentido do humor, complexa e difícil de clasificar. O poemario editouse en 1944, antes do remate da ocupación alemá, con Valéry aínda vivo (e aínda pro-Vichy).cazalis2 Momán ofrece un pequeño volume en edición tetralingüe: francés, castelán, inglés e galego-portugués (ou algo parecido): “Naquele tempo a liberdade achava-se além do muro”. Poesía elusiva, concentrada, pero sen especiais dificultades para a lectura. Sorprende a tradución do verso “Qui marchent gauchement: Que andam con lerdice”. Malia conservar vocabulario galego, aquí iría mellor “preguiza”, pero torpeza aínda sería máis exacto. Gozade deste poemario no que “La nuit reprend le jour”. Unha poesía que nos pon en contacto cunha figura das letras francesas pouco coñecida, digna de lembranza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *