De cando era dez anos máis novo: Historia dun aniversario

mujaJose Lires. Por fin chegou o día. Atrás quedaban décadas de intransixencia académica e incomprensión política. Anos de investigación, divulgación e procura da peza chave no quebracabezas do mundo xurásico. Era o día elixido polas autoridades para a gran inauguración, para poñer fin a toda esa incerteza que carrexabamos día a día ata acadar o cumio dos cantís no remate das xornadas de exploración. Os soños a carón do xacemento dun estudante de xeoloxía, cos anos erixido nun referente no eido científico do estudo das pegadas de dinosauro, estaban a piques de materializarse. Lembro o seu nerviosismo que contaxiaba irremediablemente ao resto do equipo. Durante as semanas previas estivemos a ultimar o material expositivo. As pezas de maior tamaño, rochas representativas da rexión, extraéronse dos cantís mediante métodos rudimentarios: en improvisadas angarellas aproveitando paus de eucalipto ao lombo de investigadores e colaboradores. Os exemplares fósiles sometéranse a interminables sesións de limpeza para que os ósos se adiviñaran sen equívocos aos ollos dos visitantes menos avezados. E as pegadas de dinosauro, o tema estrela do Museo, que tantas anécdotas e maniotas deixaron no meu corpo —e algunha luxación de ombreiro por mor do peso mal calculado—, lucían fermosas cos seus textos explicativos corrixidos con mimo unha e outra vez. Todo estaba case rematado pois sabiamos que trala comitiva de persoeiros, os investigadores, alleos á pompa do acto, estariamos aínda perfeccionado o aspecto do noso hábitat. Entón, alguén do gabinete da presidencia descendeu aos infernos do edificio cunha terrible nova e alí terminou a xornada. Era o día 11 de marzo de 2004 e nos rochos do Museo do Xurásico de Asturias (MUJA), aínda co estupor reflectido na faciana, constatei que a onda expansiva do integrismo relixioso impoñía a súa lei de intolerancia levando por diante a vida de moita xente e como dano colateral desprazaba tamén da única realidade, un acontecemento científico de primeira magnitude.

Apéndice. Cara ao mediodía coñecemos que un paleontólogo que estivera colaborando días antes con nós na recollida de material, viaxaba nun deses trens. Afortunadamente as súas feridas non revestían gravidade e foi dado de alta ao pouco tempo. O MUJA, localizado no concello asturiano de Colunga, inaugurouse 20 días máis tarde da data prevista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *