Granito negro, de Manuel Teira

teiraAntonio Piñeiro. Coido que todos temos sentido algunha vez esa curiosa sensación diante dos dous corpos entrelazados de O bico, de Rodín; quizais polo grao de sensualidade que xa sorprendeu aos que lles foi presentada; quizais polo chocante que sempre é a erótica da pedra, tan facilmente convertida en carne.

Os escultores búscanse na rocha. Teñen esa fascinación pola facilidade da rocha para perdurar, compactar ou simbolizar. Manuel Teira sabe que hai afloracións preto (Ortegal) que son das máis antigas do planeta. É dicir, un tócaas e está tocando o mesmo que puido ter sido tocado hai máis de mil millóns de anos. Unha codia que aflora e que, xa só dicilo, ten un erotismo de tamaño, de magma ou de fluídos xeolóxicos (a rocha tamén foi líquida algún día).

Iso é o que aprehendeu Manuel para a súa escultura. Sacar o zume orgánico ou formal dos granitos negros cos que deu algunhas das súas últimas modelacións, glándulas, metáforas ou froitas con significado.

Manuel Teira búscase nelas, como diría Bataille, sacándolles o corpo en que poder tocarse a si mesmo, en que poder verse, en que poder ser consciente de que pode tocar e toca. Teira ?seino? busca poder solidificar algo desa verdade carnalizándose a si mesmo, o seu coñecemento, na pedra.

É a reflexión de Bataille sobre a identidade e a existencia; todo o xogo de forma e cambio que vai entre a xestación (Eros) e a morte (Tánatos). Iso no que estivo pescudando ultimamente Manuel. Eu coido que desde sempre, porque Manuel Teira, escultor, vai principalmente á forma e ao cambio.

Di tamén Bataille que o medio para achegarse á verdade, sempre polo erotismo, é o estremecemento (As bágoas de Eros), o expoñer os nosos orificios ao outro. Por iso o coñecemento vén sendo un longo xogo erótico.

manuel teiraCando Manuel Teira me explica unha forma, un achado, unha última obra, ponlle a palma da man e vai percorrendo todo ese destello que saíu do puimento. Todo ese saber e ser. Elipsoides que son nádegas, froitas que son peitos; superficies que son ventres; texturas que son pubes; eróticas que, con Bataille e con Teira, son coñecemento.

Manuel vén de expoñer, recentemente, as súas esculturas na India, o país dos templos de Khajuraho e dos frisos eróticos patrimonio da humanidade pola Unesco. Por algo será. O tema do bico, de Rodin, como todas cantas verdades foron xurdindo, provocou inicialmente o seu confinamento nun cortello (estivo alí dez anos); despois foi considerado ofensivo e tapado cunha lona; despois regalado a quen pagase os portes; para finalmente dar en ser, tamén, patrimonio da humanidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *