Paisaxes de Pan, de Ánxela Gracián

gracián-2Antonio Piñeiro. Paisaxes de pan é un poemario novo; un feixe de voces anteriores ou unha gavela de paisaxes que ela foi recollendo do tempo para dicir agora. A raigame que nunca deixa de afondar, de ser, de se multiplicar. O edén posible do tempo primeiro, que Ánxela tivo/ten nun recendo a pan, unha luz suspendida na couza ou un froallo que deixa caer vellos contos, historias, relatos vividos.
Ánxela Gracián ascende ás fontes do tempo en busca de si mesma, a través dunha lírica de espazos, personaxes e acontecementos que puideran ser tamén os do lector; nos indivisibles verdes, murmurios e camiños que estiveron na nena de Castroverde (é o concepto lacaniano de verse no espello das cousas) e están nas fragas comúns da infancia. É como entrar outra vez naquel circo natural de catro pistas (terra, auga, ar, lume) con cuxos ilusionismos non parabamos de soñar mentres estabamos na escola, na casa, ou mentres non escampaba.
anxela gracian 2O tempo pódese ulir e tocar, na poesía Ánxela, do mesmo xeito que se toca a luz callada ou vaporizada do abrente. A memoria é un fachinelo dos soños no que o tempo deixou saudades. Ánxela transmítenos iso cun lirismo emotivo e coloquializado, cunha narratividade preta dese relato que se intúe tras a rocha, o nome, o bosque ou a billa. A mesma que unha vez foi oral e agora vense irmandar de adxectivo e figura (pan forneado) que Ánxela acode a albiscar no fachinelo e recolle para nós, tamén, nun fachinelo de palabras.
Un dos acertos do Paisaxes de Pan (coido) semella ser a fusión de todos os recursos do oficio poético nun amplo acorde emocional. É, polo tanto, un libro tan lexible como sentible.
Ánxela Gracián, cunha xa recoñecida traxectoria na narrativa, déixase tocar agora polo dedo sublime da literatura: a poesía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *