Úrsula, a maior, de Alice Vieira

ursulaCarlos Mosteiro. Souben de Alice Vieira (Lisboa, 1.943) a mediados dos noventa. A editorial SM publicara en galego “Rosa, miña irmá Rosa” na súa colección O Barco de Vapor, con tradución de Xela Arias. Unha novela deliciosa. Un clásico da literatura infantil portuguesa. A autora afondaba, a través da súa rapaza protagonista (Mariana) nesa pequena traxedia que sempre supón a chegada dun novo membro da familia, neste caso o nacemento dunha irmá (Rosa). O tema da princesa (ou príncipe) destronada non é infrecuente na literatura infantil, mais cando o lin, seguramente debido á autenticidade da voz narrativa, pareceume novidoso, diferente.

 Pero non é deste libro do que quero falar, senón de “Úrsula, a maior” (Lisboa, 1.989, Caminho). Tiven a ocasión de lelo en portugués. Atopeino na Praza da República en Porto. Alguén deixárao esquencido nun banco. Collino sen ningún remorso, nun acto xustificado de apropiación debida, antes de que a choiva acabara con el. Lino en dúas sentadas. Gustoume tanto que a partir daquela é un dos libros dos que fago proselitismo a menor ocasión que teño. Ofrézollo a quen me queira escoitar, igual  que Sócrates ofrecía “a verdade” aos transeúntes das prazas de Atenas.

alice_nova Se un le varios libros de Alice Vieira –Galaxia ten moito da súa obra na colección  Árbore–, axiña se decata de que é en realidade unha autora moi “previsible”. O seu método non varía apenas, as súas teimas tampouco. O extraordinario é que non cansa, ten ese raro talento de facer sempre diferente unha fórmula repetida. Sempre personaxes femininos. As figuras masculinas son pano de fondo, sombras, simples contrapuntos, e ás veces nin iso; dá a impresión que os coloca nas súas tramas como por obriga, porque no mundo ten que haber de todo. A voz narrativa case sempre é a dunha nena, intelixente, sensible, descrida, cunha estraña madurez case adulta –e inda así crible– que observa o mundo dos maiores cunha mirada lúcida e crítica, non exenta dun puntiño de conmiseración. No caso desta novela é Maria Joao que recibe na súa casa a unha curmá que vén das colonias. Xuxu, uma menina bem comportada, sempre de cabeça baixa, com noivo destinado à nascença. Maria Joao fará todo o posible para…a conduzir “ao caminho do bem”. E a partir de aquí todo un exercicio de boa literatura, de acidez e de sátira, de finísima ironía, de intelixencia narrativa

 Recomendo vivamente a lectura desta novela. Estou disposto a deixarlla a quen ma pida, asumindo o risco de que non queirades devolverma. Non vos preocupedes, xa me encargo eu de reclamárvola. Vía cobrador del frac, se é preciso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *