Ainara Fernández Lojo. A precocidade artística

Ainara domina nesta obra a composición e o xogo de cores
Ainara domina nesta obra a composición e o xogo de cores

Eme Cartea. De dominio común é que a arte é un proceso esencial no desenvolvemento da capacidade intelec-tual e creativa da humanidade. A canle de transmisión de ledicias e medos, de pensamentos e emocións, e un privile-xiado medio de aprendizaxe conceptual e simbólico na nenez. Proceso no que se aprende a sentir, a pensar, a percibir e a interactuar co contorno. En definitiva: a ser, integralmente.

Dende Altamira a Ainara Fernández Lojo, dende o garabato inicial á creación consciente da forma, hai a carreiriña dun can. Hai quen di que non de progreso. Pinta este debuxo a cor con oito anos, unha idade de transición entre a etapa esquemática e a que inicia o realismo na expresión e no pensamento. Nesta fase é básica a experiencia emocional, funcional e táctil, e o debuxo faise concepto e símbolo. O afán por narrar invade a composición: tempos distintos, diferentes planos, o interior e o exterior á vez, esaxeración ou supresión de partes importantes, ou esas deliciosas figuras cubistas, ilóxicas, das que tanto gustan os adultos.

Pero todo isto tende a cambiar neste intre vital: e xa asistimos a debuxos cada vez máis naturalistas, con máis detalles formais, e nos que a cor vai pasando dun uso estereotipado (o ceo é azul, a herba verde) a outro menos estático, de maior sensibilidade visual, que distingue xa entre as variadas gamas da cor, que aplica xa con eficacia.

Con Ainara, estraña ver nela un razoamento crítico, o uso da arte como algo espontáneo, co paso do «debuxo inconsciente daquilo que se coñece ao consciente do que se ve», e coa aparición da profundidade. Expresión esencial, visual, afectiva e experiencial e, neste caso, abstracta. Algo que, realmente, sorprende á súa idade.

Coñecemos a Ainara, e ao seu irán Omar de 5 anos, no taller de barro impartido este verán polo gran mestre escultor Ricardo Dávila na escola do Campiño, Pobra do Caramiñal. Foi todo un descubrimento. Unha delicia contemplar a súa habelencia manual. A frescura e serenidade na expresión. A espontaneidade. A consciencia visual. A percepción refinada dende o inicio. A madurez. O abraio.

Ainara rompe co prototipo creativo da súa idade, e anticipa, por madurez, estadios propios da adolescencia. É extraordinario asistir a este dominio da composición e do xogo de cores primarias e secundarias. Fascina a visión subxectiva da cor, en tons absorbentes, que crean sensacións longas nun espazo que se fai tempo. Unha sorte de paisaxe rítmica matissiana, en libre configuración tonal e dinámica, chea de expresiva vitalidade.

Grazas, Ainara, por ofrecernos esta marabillosa peza musical, como un prezado regalo que nos resoa na alma, como suxería Kandinski. Inda non o sabes. Pero a túa pintura segue a senda que inaugurou o fauvismo e o expresionismo, ao liberaren a cor da servidume da realidade, anticipando a abstracción informal e poética. Pero chegarás!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *