O Portus Apostoli de Noia

Naves con mercadorías do mar do Norte e do Mediterráneo traían tamén peregrinos
Naves con mercadorías do mar do Norte e do Mediterráneo traían tamén peregrinos

Xerardo AgraFoxo. O ano 1122 o papa Calixto II concedeulle a graza do Ano Santo á igrexa xacobea. Catro anos despois celebrouse o primeiro Ano Santo Compostelán. Despois destas dúas datas, numerosos peregrinos europeos camiñaron dende o Portus Apostoli de Noia ata o Locus Sancti. Varios documentos demostran esta realidade histórica. No ano 1147 reuniuse no peirao inglés de Darmouth unha escuadra, composta de duascentas naves de peregrinos de Borgoña, Alemaña e Inglaterra que, despois de ancoraren nas marxes do río Tambre, acudiron ata o sartego do Apóstolo a onde chegaron o 7 de xuño, véspera do día de Pentecostes.

Despois da fundación histórica de Noia, no ano 1168, polo rei de León Fernando II a través dunha Carta Pobra, a afluencia de peregrinos medrou ao converterse o Portus Apostoli, tal como se bautizou neste documento rexio o peirao de Noia, nun importante centro de exportación das mercadorías agrícolas e artesanais da súa bisbarra.

A vila de Noia tivo no medievo tres hospitais: San Lázaro, Sancti Spíritus de Afora e Sancti Spíritus de Adentro. Nas portas principais dos dous últimos existen cunchas de vieira que testemuñan que neles se hospedaban peregrinos. Un documento do século XVI explica tamén que una igrexa e hospital era moi antigo e moi venerable e de moita devoción na vila de Noia… que a ela veñen en romería e demais da dicha igrexa onde «hacen estación ansi por jubileos como por la bula de la Cruzada» e ao hospital coas súas camas moi boas en onde se recollen pobres «ansi os naturales como forasteros». No libro de actas do concello de 1792-1843, consta entre as obrigas do Hospital de Afora a de acoller a pobres enfermos e peregrinos.

A chegada destes viaxeiros ao Portus Apostoli realizábase nas naves que traían mercadorías dende o mar do Norte e o Mediterráneo. Ata o século XVI, Noia foi un dos portos máis importantes de Galicia. Os mariñeiros contarían que o Portus Apostoli ficaba preto de Compostela seguindo o Camiño Real que unía a costa co interior.

Durante a Idade Media houbo ata 64 portos ingleses de saída de peregrinos, e a navegación cara a Galicia só duraba catro ou cinco días se as condicións de eran favorables. Os barcos ancoraban no seo da ría e os navegantes entraban no casco histórico pola Porta da Peregrina, que daba acceso á praza do Tapal onde o arcebispo Lope de Mendoza erguera no Ano Santo de 1434 a igrexa de San Martiño. Tamén se documenta a presenza de peregrinos estranxeiros no mosteiro bieito de San Xusto de Toxos Outos, asentado nunha gorxa do camiño que sae de Noia cara a Compostela.

Ademais, existen na vila numerosos motivos xacobeos. Moitos están insculpidos nos escudos e brasóns que adobían os seus pazos urbanos. Na igrexa de San Martiño existe a figura do Apóstolo nunha xamba da porta principal e nunha estatua sedente do seu interior. Outros motivos aparecen nas laudas do cemiterio de Santa María A Nova, unha rica iconografía que demostra a relación do defunto con Compostela e a vinculación dos gremios de Noia co Apóstolo Santiago.

2 comentarios en “O Portus Apostoli de Noia

  1. Grazas a ti, Magdalena. É un pracer comprobar que nunha mesa deste CAFÉBARBANTIA existen lectoras tan curiosas e atentas.
    Saúdos dende o Portus Apostoli.
    Xerardo

  2. Boas noites Xerardo: En una ocasión ya comenté aquí en Cafe Barbantia que mi abuelo paterno era de Noia y todavía hoy en día tengo primos en ese hermoso lugar. Por tanto, todo lo relacionado con esa tierra me incumbe y me encanta visitarla. Voy con mucha frecuencia por allí, he ido varias veces a la iglesia de Santa María, conocida también como la iglesia del Don, única iglesia convertida en museo cementerio donde se pueden ver las lápidas gremiales, o, laudas y los sarcófagos que hay en el exterior, algunos gravados con las conchas de vieira.
    Tu artículo es excelente, lo he leído con mucho interés y me ha llamado mucho la atención pues desconocía que al puerto de Noia se le conociese como ” Portus Apostoli ” y que hubiese sido tan importante centro de exportación agrícola y artesanal . Al leer tu artículo me acordé de aquella bonita canción de Juan Pardo que decía que la ría de Noya había sido el puerto de Compostela.
    Gracias Xerardo continúa escribiendo. Saludos palmeiráns y hasta otra

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *