Empresas galegas

empresasFrancisco Ant. Vidal Blanco. Hai un restaurante en Arteixo que acostumo visitar, entre outras cousas porque nesa hora que me queda entre a xornada da mañá e a da tarde podo xantar mirando unha fermosa paisaxe mariña. E cadrounos esta semana preto dunhas rapazas que, na mesa do lado, falaban de teas, modelos, modas e viaxes por distintas cidades promocionando a roupa de Zara de cara á próxima tempada. Souben que non eran galegas porque confundían os pementos de Padrón cos do piquillo, pero entendín que eran boas profesionais.

Logo lembraríanos o amigo Xulio, quen ten unha memoria prodixiosa, o día que o concello da Coruña nomeou fillo adoptivo a Amancio Ortega, algo que era de xustiza para quen montou unha das maiores empresas do mundo, e pasea o nome de Arteixo, A Coruña e Galicia polos cinco continentes.

Tamén lembraba o amigo Xulio que ó día seguinte de nomealo, a prensa local anunciaba un dos grandes fitos da súa empresa, tal era a de abrir un centro loxístico en Aragón. A cousa xa non nos daba tanta alegría, porque como bos amantes do noso, gustaríanos que o tal centro estivese máis preto de nós, sen saír de Galicia, que polígonos industriais baleiros e pedindo naves hai a esgalla, pero os empresarios non teñen tan pouco ollo como os que non sabemos de inversión, diñeiro e capital. En fin que ó cabo de tres anos o centro loxístico de Zaragoza xa era un feito.

Pero o que nos sulfurou, porque o sentimos como un querer rirse de todos os galegos, foi que durante o congreso de empresarios que se celebrou na Coruña o pasado mes de outubro, os directivos de Inditex expuxesen os números da empresa referentes precisamente ó centro loxístico de Zaragoza, onde o setenta e cinto por cento das mercancías que pasan polo seu aeroporto son só de Inditex, e que a pesar de haber un porto recén construído fronte ó que ata agora é a sede da grande compañía arteixá, non queren usar o transporte marítimo por ser demasiado lento. Pode ser lóxico, pero non o creo. Que mentres as tres grandes cidades galegas compiten entre si por gañar tráfico aéreo, e a falta de empregos está botando a perder o futuro dos nosos mozos e dos nosos xubilados, Zaragoza, que a penas ten liñas comerciais con algunha cidade española, converteuse no terceiro aeroporto de España en tráfico de mercancías, principalmente con Asia.

Non se pode contemplar isto máis ca con envexa, pero a envexa convértese en rabia cando na mesma reunión de empresarios, diante do alcalde da Coruña, do Presidente da Xunta e do Rei, os directivos da que ata agora é a nosa principal empresa, anuncian que na volta de poucos anos a sede de Zaragoza medrará en número de empregos por encima da de Arteixo.

Por todo iso, sempre podemos dicir que temos en Galicia unha empresa (polo de agora), pero non que sexa galega. As empresas son de onde lles convén, por moita etiqueta de galeguidade que lle poñan. Vímolo con Fenosa, Pastor, Emesa, Pescanova, R ou Barreras, e estámolo vendo con conservas Albo e ata co Celta de Vigo. Sen deixar de lembrar a aquel empresario que ameazaba con marchar de Galicia se non se votaba por quen el quería.

Non debe de ser cuestión de cartos, pois aínda que Galicia teña os salarios máis baixos de España, seguimos perdendo postos de traballo.

Un comentario en “Empresas galegas

  1. Querido Francisco: comprendo perfectamente tu rabia al ver que la empresa más grande del país y siendo dueño de ella un gallego, teniendo las posibilidades de un puerto recién hecho justo junto a la sede de la gran industria, los directivos anuncien que en poco tiempo los puestos de trabajo en la zaragozana crecerán en mayor medida que en la de Arteixo. Es posible que el transporte marítimo le reste tiempo y por ende las ventas sean también más desaceleradas. Eso no les conviene a los directivos, ellos no comulgan con patriotismos, la especulación es su dios, y ya sabes que don dinero todo lo puede. Ojalá que el señor Ortega se acuerde de que aquí en nuestro terruño en muchas de las modestas viviendas, sus vecinas continúan usando batas de güatiné con las que el empezó su modesto negocio, por no poder utilizarlas de seda ya que sus maridos e hijos necesitan un puesto de trabajo. Que esa etiqueta de “galeguidade ” continúe poniéndola en Galicia pero de verdad.
    Un besiño Francisco

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *