Dúas mulleres no CGAC. Dúas propostas relacionadas co país (I) Eva Lootz

eva_lootzPilar Sampedro. A arte nos museos públicos está a disposición de todos. Todas temos dereito a acceder a ela, a gozar coa súa visión e a aprender co que nos achega. Por iso, ten sentido que falemos das exposicións que neste momento mostra o Centro Galego de Arte Contemporánea. Dúas exposicións de mulleres ás que separan vinte e cinco anos, unha delas Eva Lootz, nada en Viena e residente en España desde o 1968; outra, Berta Cáccamo, de Vigo, da familia dos Álvarez Limeses e Álvarez Blázquez, sagas comprometidas que honran e engrandecen o país.

Eva Lootz cunha carreira máis que consolidada, desde que no ano 1994 recibiu  Premio Nacional de Artes Plásticas, forma parte dese conxunto de mulleres que abriron camiño ás que viñeron detrás. O percorrido polas obras do CGAC fainos partícipes de corenta anos de traballo nos que accedemos á sensibilidade desta muller con estudos de filosofía, cine e pintura. Imos pasando por obxectos traballados nos máis diversos materiais nun labor de indagación arredor dos pigmentos, a parafina, o lacre, o carbón, a fibra de vidro, o esparto ou o feltro; o paso á tridimensionalidade sumando os minerais coma o chumbo ou o estaño, a area, o sal ou o po de mármore. Sempre buscando materiais pobres ou considerados pouco artísticos, obras nas que o máis importante é o proceso: esa falta de inmutabilidade e permanencia que pode verse en todas as pezas nas que a area vai caendo pola gravidade e construíndo a peza de forma case allea á man da artista; a lembranza de iconas permanentes como as pirámides ou os cigurats, as rutas e camiños, o significado de certos números, os apeiros ou as polas… pero especialmente as grandes instalacións onde a cor negra do carbón (que cae dos sete discos suspendidos do teito para construír sobre o chan pequenas montañas que son a constelación Osa Maior feita con po de estrelas) ou a branca (que representa unha paisaxe onde nos falan as sensacións de soidade e frío, a neve cubrindo un mundo no que aparecen determinados elementos, que nos estremece coma eses barcos que saen das paredes).

Foto: La Voz de Galicia
Foto: La Voz de Galicia

Pero non estaría falando aquí de Eva Lootz, se non houbera un proxecto en proceso relacionado con Galicia e co Barbanza, Volframio, no que recolle sobre o mapa galego os xacementos deste mineral explotados na posguerra e agarda a colaboración das persoas que poidan achegar algo a respecto desta minería, para elaborar un organigrama humano do seu impacto, que pasa polo número de obreiros e presos forzados a traballar, a influencia desta economía no PIB da poboación galega e o seu papel na emigración, ou quen foron os máximos beneficiarios do tráfico deste mineral. En fin, o interese por descubrir a relación destes materiais estratéxicos coa violencia e os intereses de poder. San Finx, aí ao lado, lembrado nos estudos ensaísticos e na recuperación da memoria histórica, pero tamén na novelística da man de Héctor Carré na obra que fora premio de literatura xuvenil, Febre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *