Dúas mulleres no CGAC. Dúas propostas relacionadas co país (II) Berta Cáccamo

CACAPilar Sampedro. Se Eva Lootz ten a xenerosidade de mostrar os seus cadernos de traballo arredor do proxecto Volframio, Berta Cáccamo mostrará as fotografías que lle tocan a sensibilidade, e das que posible-mente nacerá algunha das obras poste-riores. A linguaxe poética terá nas dúas un papel importante porque Berta é de familia de escritores e editores; seu pai, Xosé Mª Álvarez Cáccamo tivo ambas vocacións, pero os seus avós e tíos tamén formaron parte da intelectualidade galega reprimida na guerra e posguerra. A saga dos Álvarez Cáccamo, á que pertence Berta, son todos escritores (Pepe Cáccamo, Alfonso, Celso) e comparten un mundo rico en experiencias e reflexións tinxidas de afectos permanentes.

Pepe Cáccamo, coñecido como gran poeta, tamén traballa a plástica a través dos libros intervidos, dos libros escultura; agora, acaba de publicar un poemario no que Berta realiza as ilustracións, un libro que non debe faltar en ningunha casa onde haxa un rapaz ou rapaza de menos de sete anos: Sopa de estrelas. Berta, xa tiña ilustrado, no ano no que se lle dedicaran as Letras Galegas a seu pai, un libro publicado por OQO, O que ben che quere, e esta é a segunda incursión na ilustración de libros infantís.CACCAMO Pero ben, no CGAC Berta ocupa todo o primeiro andar con grandes obras que van desde o cadro á instalación, pezas nas que o xesto e a súa traxectoria teñen unha gran expresividade, igual que a economía cromática que se limita para dicir máis con menos; os lenzos, que son mantas familiares ou lonas das bolsas dos soldados e mariñeiros para falarnos da emigración, soportes que traen consigo o peso do pasado cos seus restos e pegadas; unha vontade de síntese, de silencio; a intuición coa poesía creando sedimento e atmosfera; as grandes manchas ou vertidos onde podemos adiviñar ou desistir de buscar algo que non sexa abstracto. Expansión ensaio é o título desta mostra que non debemos perder. Porque dúas mulleres ocupan o Centro Galego de Arte Contemporánea e fano con todo o dereito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *