Feliz aniversario, Mr. Berger (III)

berger fotogGonzalo Trasbach. Como nada foi alleo á súa mirada, tampouco lle quedou atrás a fotografía. O mesmo que se ocupou do centeo, da herba, das vacas, dos enterros dos campesiños e das facturas dos veterinarios, así tamén lle dedicou sobresaíntes comentarios á función da fotografía no mundo contemporáneo, e ademais resaltou os aspectos artísticos das obras dos mellores fotógrafos: “Para entender a fotografía” (GG, 2016). A súa mirada está tamén adestrada no terreo urbano. Porque foi un gran viaxeiro: Dublín, París, Grecia, India, Turquía, Moscova, México, Barcelona, Madrid, Lisboa, Nova York… Tamén estivo entre nós, onde compartiu mesa, mantel e polbo nunha feira de gando (non sei se é certo ou non, pero unha lenda di que con el estaba o Manolo Rivas). Londres é para el coma a gamela da nosa orfandade, o berce das súas andanzas infantís, os sons dos tranvías, as mans da súa mai… Isto, xunto coa sensibilidade dos sentidos: ver, sentir, convivir e nunca esquecer son os alimentos dos que se nutre a súa literatura.

berger fotocNo arranque de “Fotocopias” (Alfaguara, 1995), co título de “Un home e unha muller baixo unha ameixeira”, Berger narra como coñeceu en Madrid a unha muller galega de 30 anos. Esta, logo da presentación dun libro, acercóuselle e díxolle que era restauradora de frescos en igrexas e regaloulle un rolo de papel marrón no que había un debuxo. Apenas estivo cinco minutos con ela e máis tarde xa non lembraba o seu nome. Pasado un certo tempo, esta muller, cando ía camiño da Documenta de Kassel, visitou os Berger na Alta Saboya. Pasou a noite na súa casa e ao día seguinte marchou despois de que ambos se fixeran unha foto baixo a árbore coa a cámara escura (moi antiga) da nosa paisana.

Recuperas nun chispazo da súa mente cuberta co seu pelo nevado a súa amizade e correspondencia con Juan Muñoz (Madrid, 1953). Coma el, o máis internacional dos artistas e escultores da súa época, era un narrador de historias. Evocas a páxina dunha revista con dous artigos (“De aquí para allá con Juan” e “Diálogo entre dos dibujos”) dedicados ao creador madrileño morto repentinamente un 28 de agosto do 2001. Nos últimos tempos pescudaches que escribiu xunto co seu fillo Yves “Rondó para Beverly” (Alfaguara, 2015), un sentido recordatorio para súa muller, falecida no 2013. Tamén soubestes que baixou da aldea alpina e se instalou nos arredores de París. Non foi a montaña quen o botou, senón a dor. berger hacia-la-bodaEste home que até hai moi pouco tempo era capaz de atravesar Europa montado nunha moto (“Cara á voda”) fica moitas horas recostado por mor dunha forte dor nas súas costas.

Mais non se rende. Nin para de traballar. Mentres o Círculo de Belas Artes de Madrid acaba de publicar unha colección dos seus poemas (nunha coidada edición bilingüe) –a outra parte da súa poesía está recollida en “Páxinas da ferida”(Visor)-, este narrador que sobre todo escoita, escoita contos e a fala do silencio (“o único que non minte neste mundo”), ve como Alfaguara acaba de pór nas librerías “El cuaderno de Bento” e na Gran Bretaña está a punto de saír do forno “Confabulations”. E deséxaslle: Feliz aniversario, Mr. Berger.

3 comentarios en “Feliz aniversario, Mr. Berger (III)

  1. Alégrome. Tanto por Fidel coma por ti. En canto ao que comenta Fidel sobre o Manolo Rivas, eu tiña entendido que era así, pero non estaba seguro. En canto á relación actual coido que existe e é moi boa, polo que entendín fai pouco nun reportaxe do Fugas de La Voz. Saúdos, compañeiros.

  2. Antes de nada, benquerio Gonzalo, grazas polos textos sobre o admirado Berger. Aínda hoxe, amén de calquera das súas obras, non deixo de recomendar a que trata de Picasso, un alarde de análise psicolóxica do “fenómeno Picasso”. Con respecto ao de estar con Manolo Rivas, non responde a ningunha lenda. Se mal non recordo Berger viñera en moto, nunha moto formidable, e estivera en Betanzos compartindo co Rivas, con quen mantivo (igonro se seguen) unha boa relación. Mesmo, como sabes, hai publicadas uns “diálogos” (Cans de palleiro) e unhas “conversas” entre os dous.
    Por outro lado, sei que a poeta de Fisteus Lupe Gómez Arto lle escribe de cando en vez e recibe sempre resposta do autor británico, mesmo acompañada dalgún que outro debuxo do propio Berger. Todo xenerosidade.
    Saudiña.

  3. Súmome ao homenaxe a Berger. Coincido contigo, Gonzalo. Toda a súa obra é extraordinaria. Pero eu teño preferencia pola crítica de arte (se pode chamarse así, pois vai moito máis alá). A min axudoume a cambiar a mirada e a pensar doutra maneira. Este verán lin o libro sobre Picasso que citas. Máis alá do contido, canto teriamos que aprender hoxe sobre esa forma de abordar os mitos. Dá noxo como seguimos tratándoos, cada quen no seu cortello (e que me perdoen os mitos; os fans impórtanme menos).
    Apertas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *