Non era unha anécdota

padre-e-hijosFrancisco Ant. Vidal Blanco. Nunca é agradable contemplar unha pelexa no medio da rúa, e menos aínda cando é entre dúas persoas da mesma familia, pero moito peor é cando esa pelexa ten por razón única algún xeito de supervivencia.

Xoana Salgueiro podía limitarse a contar a anécdota, e todos os amigos de parladoiro quedariamos satisfeitos, pero Xoana non conta anécdotas, conta historias que van máis aló da aparencia e non deixan de arrepiarnos.

Estoutro día falounos dunha liorta na porta do ambulatorio, unha pelexa entre dous irmáns, xemelgos e cincuentóns para máis datos, a onde un deles levara ó pai por mor dun catarro que collera no club de xubilados ó que cada tarde vai botar a partida, e ó saír encontrouse co irmán que lle berrou: «Es indigno de chamarte fillo», e dende aí en diante todo foron insultos e recriminacións que o afrontado respondía con outras ofensas e aldraxes. O máis curioso de todo é que ambos se botaban en cara as poucas atencións que cada un tiña co proxenitor, na procura de demostrar publicamente as bondades propias e as maldades do outro, tratando de obrigar ó ancián a decidir cal dos dous era mellor fillo e con cal dos dous prefería vivir. Que se este lle censuraba ó outro que non se preocupara de mercarlle unha bufanda para o inverno, o outro amoestábao porque sempre lle daba a mesma sopa de sobre para cear, ou se para o vello era mellor durmir só ou nun cuarto cos netos.

A discusión medrou, segundo nos conta Xoana, ata o punto de chegaren ás mans e teren que saír os de seguridade para separalos; e aínda así, cada un desde un lado chamábao «Vente comigo papá». Dous irmáns que medraron unidos coma uña e carne e a quen (en opinión dunha veciña presente) volveu así o egoísmo.

Tan dolorosa escena, cargada dun exceso de amor filial, obrigou á nosa amiga a atender, tratando de indagar a escondida razón da disputa, nestes tempos en que os vellos se queixan de que os mozos andan á súa e non portan por eles; tanto que cando vemos a un fillo atendendo con mimo desmedido a un ancián ata desconfiamos de se na intimidade da casa será igual de atendo.

Logo, porque nos ambulatorios, máis ou menos, todos nos coñecemos, Xoana vén saber que aquela pelexa tiña un transfundo moito máis crematístico; que un daqueles dous irmáns, ós seus cincuenta anos recén cumpridos, levaba tres anos no paro cobrando unha axuda familiar e mandando currículos cheos de experiencia que inutiliza a súa idade, ten dous fillos estudiando e a muller, co seu diploma de licenciada en linguas mortas adornando o salón, gaña algún euro fregando escaleiras sen declarar a Facenda, polo que, a pensión do vello, xubilado dunha daquelas empresas tan estimadas no pasado, resolveríalle a metade dos problemas; e o outro irmán, con quen vive nun apartamento de cincuenta e poucos metros cadrados, autónomo e propietario dunha tenda de material escolar que a duras penas lle permite pagar a cota para ter algún día dereito a subsidio, tamén casado pero divorciado, pai de tres fillos que cada mes reclaman a pensión alimenticia, pode cumprir con tal obriga grazas á paga do vello.

Quen contou esta intimidade familiar, xulgaba sen que lle pedisen opinión, que se non fose pola pensión tiraban co ancián como se tira cun trasto inútil. E Xoana que escoita, dilles que aquilo non era a anécdota do día, era unha traxedia máis da precariedade destes tempos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *