Unha cesta chea de discos no Nadal (II)

MARISAGonzalo Trasbach. A ilustradora, cantante, guitarrista e compositora Marissa Nadler, nada en Washintong fai 35 anos, presentou nos últimos tempos un dobre traballo. Por un lado, “Strangers” e por outro, “Bury Your Name”, un lote de cancións que descartou do primeiro disco citado. Nos dous penetra en territorios sonoros densos, onde a pureza do punteo acústico é substituído pola electricidade espectral do mellotron, instrumento que lle permitiu ampliar a súa versatilidade vocal e compositiva, facetas que comezou a transitar no álbum “July” (2014).

Te reto a entender lo que me hace una mujer canta Angel Olson no penúltimo tema do seu novo álbum, o cuarto da carreira desta muller criada en Missouri: “My Woman”. Coméntase que é a frase máis repetida da gravación desta artista de 29 anos, dotada con unha das voces máis potentes do momento. A frase encerra todo un universo de significantes e significados, de intencionalidade e estratexia. Os críticos comentan que a norteamericana está chamada a ser unha okupa recorrente nas listas dos mellores discos deste ano.

PRESENTSElysia Crampton presents: “Demon City”. Despois do moi aclamado e sorprendente “American Drift”, a compositora latinoamericana cóllenos da man para levarnos a unha viaxe alucinante, unha odisea sónica entre sintetizadores, samples, collages sonoros, bases imposíbeis, percusións étnicas e contratempos encaixados con harmonía e mestría. Elysia compón música, pero á vez ten a virtude de narrarnos historias a través do seu imaxinario persoal sen necesidade de utilizar unha soa palabra. Dous discos para oídos atrevidos.

Jenny Hval é a regra. Esa cousa vermella sobre a que teñen escrito algunhas poetas galegas é o pano de fondo do terceiro álbum da cantante norueguesa. Co seu habitual son (curmán do magnífico “Apocalypse, Girl”) lindeiro co dream pop, a electrónica minimalista e o spokenword, “Blood Bitch” non é outra cousa que unha investigación sobre o sangue, a menstruación, o fío branco que liga a virxes, putas, nais, fillas, bruxas, soñadoras e amantes. Mais aquí non é presentada coma un tabú social, senón coma o día a día de calquera muller. Todo baixo unha das voces máis ácidas e sorprendentes da escena musical actual.

CRATERUn dos mellores descubrimentos dos últimos meses é “Talk To Me So I Can Fall Asleep”, a ópera prima de Crater, un dúo de Seattle que conforman Ceci Gómez e Kessia Gordon. Unha aposta de poderoso electro-pop que capta esa actitude cínica das persoas que, aínda que quedaron para cear, logo pasan toda a velada colgadas dos seus espectaculares teléfonos. É para min unha das grandes sensacións do ano e seguramente non entrará en ningunha lista. Conta con tres demoledoras cancións para bailar: Summer Skin, Bad Lands e Holy Ground.

Considerado pola crítica especializada como a bomba do curso, Frank Ocean regalounos dúas creacións. Logo de catro anos fóra do circuíto, regresa con “Blonde”, un disco que, ademais da súa singular voz, protagonizan teclados e guitarras, medios modestos, e a confrontación entre son natural e distorsión dixital. Polo outro lado está “Endless”, un álbum visual, pero que agocha cancións dun enorme e delicioso talento que corren o risco de pasar desapercibidas ao caer baixo o impacto mediático que ten espertado a publicación de Blonde.

xa-fai-un-tempoImos pechar a entrega cun grupo con raíces galegas e barbancesas: Secho y los invisibles, que debutan con “Xa fai un tempo”. Neste proxecto embarcáronse o pontevedrés Anxo, o cambadés Roi, o boirense Benja e Secho (Dodro) para debuxarnos un mapa de pop delicado, sedoso, pero non tan liso coma para caer durmidos. Uns guitarreos que beben nas rutas lodosas do blues e nas desérticas do country, xunto co murmurar arrastrado da voz de Secho, laten baixo esa tea de seda para manter viva a labarada rugosa da inquietude. Felices festas.

Un comentario en “Unha cesta chea de discos no Nadal (II)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *