Pessoa, persa

rubaiyat-canciones-para-beberRomán Arén. Cantas almas tivo Pessoa? A súa almoeda é interminable, case infinita, cada ano aparecen marabillas novas. Eu agora teño na man un libro español da editorial bilbaína El gallo de Oro, Rubaiyat (Canciones para beber, 2015), no que Beñat Anginzoniz selecciona e traduce unha escolla dos Rubaiyat pessoanos, a partir da edición crítica de 2008 do poeta portugués, en edición de Maria Aliete Galhoz. O bo desta edición é que, como debe ser, é bilingüe. A tradución é xeitosa, con algún que outro erro. A antóloga di no prólogo que a condición de anflófono de Pessoa o levou a coñecer a famosísima versión inglesa que  o escritor británico Edward Fitzgerald editou en 1859 dos Rubaiyat de Omar Khayyam. A tradución de Fitzgerald, en cuartetas decasílabas é unha obra literaria en si mesma, que foi perfeccionando en edicións posteriores e que perdura até os nosos días, malia a existencia doutras traducións máis “fieis”, porque Fizgerald, mediano escritor, atopou en Khayyam un espírito xemelgo e cando parafrasea non perde nunca o sabor do orixinal. Sobre a súa tradución inglesa fixéronse as versións galegas de Plácido Castro del Río e Miguel González Garcés. Pessoa traduciu tamén algunhas cuartetas e pode ser que tivese tamén á man a versión francesa en prosa de J. B. Nicolas (1887). Pero estas cuartetas son orixinais, feitas no espírito escéptico, hedonista e ás veces amargo de Khayyam. Os motivos son os de sempre: a rareza de vivir, o tempo que escapa, a dor, o misterio do universo. Quizais a nota máis pessoana sexa o tedio, o spleen, o olvido. Un Pessoa epicúreo e metafísico, mais tamén desolado.

Parece que se conservan 182 rubaiyat de Pessoa, pero esta antoloxía edita 126, pois descarta os incompletos, os escuros e outros sen corrixir. Hai tamén versión en catalán de Gabriel Sampal.

“Sim, bebe. Mas, quer bebas ou que nao,/A noite chega em sua occasiao/E deita un ralo manto negro sobre/Tudo, onde se ergue a Torre do Sultao”.

rubaiyat 2O gusto polo Oriente é propio dos románticos, entendido o Romanticismo como categoría e non só como movemento literario histórico, pois está xa moi presente no século XVIII e bastarían como exemplos as Poesías asiáticas do conde de Noroña, paráfrases libres en verso de traducións ao inglés e ao latín de mediados do século ilustrado.

A tradución de Arginzoniz é boa porque é poesía, pero ás veces demasiado “redonda”, eludindo os fortes encabalgados dalgúns versos pessoanos. Ofrece outro galano esta obra, os poemas de Pessoa non traducidos, só en portugués:

“Na modorra de um vago pensamento,/Dissolvo a que ha de lucido no intento./Quem val o que se julga, ou ousa a alma?/Bebado sem o vinho, durmo e augmento.”

Algún galego necesita versión galega destes versos?

2 comentarios en “Pessoa, persa

  1. Grazas pola nova dos Rubaiyat de Pessoa, en edición bilingüe. Acolléndome á última consideración de Román Arén, a pregunta é ben sinxela: por que resulta tan difícil, por non dicir (case) imposible, dar cunha obra en portugués nas librarías galegas? Non pasa o mesmo coas editadas en inglés ou francés. Unha mágoa non poder gozar dos textos de Pessoa, Saramago, Cardoso Pires, Lobo Antunes, ou de José Luís Peixoto, Valter HuigoMás, Gonçalo M. Tavares, por nomear algúns máis novos pero non menos excelentes escritores, de éxito internacional. Sen falar dos brasileiros. Hai uns anos, de viaxe polo país veciño, dei cunha obriña de contos de Miguel Torga, “Bichos”, na 19ª edición! Unha ledicia.
    Apertas e feliz ano. Saúde.

  2. Bos días. Moi interesante o comentario sobre unha dimensión que descoñecía de Pessoa. Mais hoxe, prezado compañeiro, quero utilizar este espazo para chorar pola pérda do noso amado John Berger (London, 1926), que faleceu nas aforas de París aos noventa anos, que cumplíu o pasado 5 de novembro. Aínda podemos facer algo por el. Imitalo na máis complicada tarefa que se impuxo, e a que máis necesitamos hoxe en día: vivir cos ollos abertos sen deixarse derrotar polo nihilismo. Ser testemuña do mundo sen caer no odio nin na desesperación. Amén.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *