Medran os días

medranFrancisco Ant. Vidal Blanco. Ninguén ten que enfadarse porque diga que antes de que nacera o Neno Xesús, xa o Nadal tiña razón de ser e de festexar, precisamente por ser o momento a partir do cal os días comezan a medrar, porque o sol vai gañando altura. A min gústame o mito de Helios, quen tras recibir o galano anual de catro cabalos novos para o seu carro solar, estes van aprendendo o camiño a través do firmamento e cada día soben un pouco máis alto, posibilitando que as horas de luz duren máis. E así, día a día, ata o solsticio de verán, en que os cabalos xa van cansos e cada día soben menos.

De feito, a noite máis longa do ano, por todo o ritual con que se arroupa, e pola mesma evidencia de métrica lumínica, vén marcar, de feito, o comezo do ciclo anual, aínda que, oficialmente o fagamos unha semana despois. E na nosa cultura, o evanxelista San Xoán así o deixou escrito, manifestando que cando naceu o seu mestre naceu a luz da vida, e iso é o que celebramos, como xa antes ca nós o celebraban os romanos a través de Mitra, un deus, asemade importado de Oriente, e que nacendo no fondo dunha furna iluminouna e ata os mesmos astros do ceo lle renderon preitesía baixando a saudalo.

E igual que Mitra tamén o Neno Xesús nace nun lugar arredado da xente, fóra da cidade, nun alpendre e nunha noite que a tradición define como a máis fría do ano, pero sen embargo, tras o seu nacemento, todo se enche de luz, de calor e de solidariedade, representados pola estrela, os animais alí acubillados e os pastores cos seus galanos, e por iso San Francisco quixo darlle razón de ser a ese instante cargado de humanidade deseñando o primeiro belén da historia, onde se representa ese momento máxico a partir do cal vai florecer a vida.

O belén é, pois, unha explosión de luz partindo das tebras, que debemos observar sen confundir as metáforas bíblicas ou etnográficas que aquí se mesturan coa realidade histórica ou coa verdade científica. Aquel belén representaba o punto de inflexión entre o inverno frío e improdutivo e a vindeira primavera que xa se fai desexar. Os personaxes daquel cadro eran seres infecundos amparando a quen será chamado a luz da vida. Alí están a mula e o boi, animais que non poden xerar descendencia, como tampouco se agarda dun vello que permanece alí como obxecto pasivo, ó pé da manxadoira en que repousa o neno, e a nena que, por nena e por virxe só é fecunda grazas á intervención da máxima divindade.

A diferenza de Mitra, que naceu dunha pedra, Xesús nace dunha muller, coma calquera ser humano, para converterse nun deus vivo e presente, e a partir dese instante, o portal de Belén con aquel alpendre, cova ou corte deixa de ser un lugar arredado e mísero para encherse de vida, de agasallos, de promesas de benestar e desexos de paz.

Na liturxia cristiá celébrase nesta noite a chamada misa do Galo, porque o galo é quen anuncia un novo día, unha nova andaina, unha nova esperanza, e sobre todo porque Xesús, cando nace, non é para morrer, senón para traer a luz, outra cousa é que logo, polo que fose, acabase xulgado e condenado; e por iso me é tan difícil entender ós mártires e imposible de aceptar o martirio.

Un comentario en “Medran os días

  1. ” Ninguén ten que enfadarse porque diga que antes de que nacera o Neno Xesús, xa o Nadal tiña razón de ser e de festexar “.
    Estoy perfectamente de acuerdo Francisco. Decía Séneca : ” La vida es como una leyenda: no importa que sea larga, sino que esté bien contada “. Y tú la has contado
    ” Divinamente “. Desconocía – como casi todo – el mito de Helios, y me ha parecido muy bonito. También el de Mitra, ese dios importado de Oriente que los mismos astros le rindieron pleitesía igual que al Niño Jesús, que cuando nace todo se llena de vida y de luz a pesar de estar rodeado de personajes infecundos. Sabemos que Jesús no es un mito pero, ¿ cuánto habrá de mítico en todo lo referido a su persona? Tal vez muchísimas cosas pero, a los que somos creyentes, esas histórias nos apasionan. Y la Navidad, para los fieles, son fechas preciosas ( a pesar de que para las amas de casa no lo sean tanto ) y entrañables.
    Yo no me enfado Francisco, al contrario te doy las gracias por enseñarnos tantas cosas preciosas sobre la mitología y por lo bien que las cuentas.
    Moitos biquiños palmeiráns.
    P.D. Cuando nos veamos recuérdame de contarte algo sorprendente que me ocurrió hace muchos años. Seguro que no te lo crees pero, tengo infinidad de testigos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *