Pedro García Vidal. Sobre o substrato natural que lle dá forma, a cidade preséntase como a máis artificial das paisaxes: un entrabado de espazos libres e edificados resultante da interacción dos seres humanos coa natureza. A paisaxe que se nos mostra é só o resultado final dun longo proceso de transformación. Por iso, e dado que diferentes sociedades actuaron sobre o espazo, cadansúa coas súas características propias, o resultado é un lugar singular, individualizado, ditado de formas particulares, determinadas non só polas súas propiedades morfolóxicas naturais, senón tamén pola identidade cultural e histórica. Cada cidade ofrece así unha cara particular, un rostro con fisionomía propia.
Entender a realidade urbana actual como o resultado dun proceso de relación dos seres humanos e o espazo, vai alterar a maneira en que sentimos e vivimos a cidade. Supón unha invitación a coñecer a cidade en que habitamos facéndonos partícipes dela. Andar, perderse polas súas rúas máis secretas, explorar os seus múltiples trazados, mirar as pegadas doutros que nos precederon, sorprenderse entre un mar de xeometrías, descubrir canto nos rodea con outra mirada non deixa indiferente. Ser consciente do patrimonio perdido ou deteriorado, así como descubrir novo patrimonio, desenvolve dinamismo, optimismo, referencias que dan identidade e futuro ás xentes que habitamos o lugar. Constitúe sempre un pracer mirar a particular paisaxe dunha vila ou cidade antiga cunha mirada interesada, pois supón penetrar a súa alma máis íntima, comprender os procesos que conduciron ata a crise do presente, e participar doutras opcións de desenvolvemento urbano máis sostibles.
A perda de identidade dos nosos pobos, ben dada pola desidia e prepotencia dos mandatarios que —como deixas ver—, dende tempos inmemoriais o levamos sufrindo.
O seu afán de protagonismo, non permite que ninguén destaque por riba das súas figuras. De aí que non queiran compartir nada con ningunha filantrópica comisión asesora externa, que vele por la historia, estética e protección dos elementos que manteñen a prosapia dos pobos.
Se estes elementos se perden, podían desaparecer con elo, a fala, o arte, a paisaxe, e o peor de todo; os cocidos e a empanada de berberechos.
Trocamos a nosa arquitectura por calquera moda invasora de liñas de sable, escuadra e cartabón onde algo ten que ver, o Colexio Oficial de Arquitectos, que o fiscaliza todo e non coñecen nin saben en que paraxe urbano, rural ou marítimo se vai a instalar o visado. O feismo non nace; faise.
Eu céntrome na miña paixón megalítica como ti Pedro, ben resumes na túa estimable obra, paixón tamén do mestre Agrafoxo onde a pesar das décadas que levamos delatando a falta de consideración cara os nosos vestixios máis remotos, seguemos cangando coa indolencia, apatía e deixades destas gloriosas galaicas administracións.
Que a estas alturas non haxa un inventario do noso patrimonio arqueolóxico, cun programa de custodia, seguimento e posta en valor do mesmo, da a impresión que vivimos nun país de trangallada.
Son moitos os poboados que faltan por localizar, onde se asentaban os construtores das arcas, mámoas, dolmens, casotas, covas, antas, menhires e gravadores de petróglifos.
De non ser pola insistencia privada de persoas coma ti, o procer Fabeiro, poetas e artistas do municipio, Noia quedaría sen a cerne que alimenta a súa entidade cultural, nobreza e paisaxe urbana.
Pese a toda esta agrea crítica: Noia e diferente.
Grazas por ese gran traballo, Pedro.
Grazas Mingucho polas túas amables palabras. Xa van alá unha chea de anos daqueles paseos polo Barbanza na compaña do amigo Agrafoxo na procura de monumentos megalíticos. Ao igual que entón, seguimos pensando que só dende o coñecemento pode loitarse contra a destrución da identidade. Por iso, é necesario non perder a esperanza e seguir na loita cotiá de facer pedagoxía sobre un pasado que nos trouxo a este presente que somos. Contra a mitoloxía política, baseada na publicidade das bondades do “gran Plan Xeral”, ou a elección da parte da historia que convén ou queren mostrar, hai que opoñer a creación dunha mitoloxía do territorio e da cidade que lle faga contrapeso, unha mitoloxía baseada na historia, na investigación. Unha aperta.
Persoas coma ti, son as que nos fan manter a moral alta para loitar contra a contaminación dos nosos pensamentos. Un saúdo.