Poema á duración, de Peter Handke (I)

handke1Fidel Vidal. Calquera expresión referida ao paso do tempo non ten sentido. Porque o tempo non pasa, é inmutable. Quen pasamos somos nós. Es ti quen pasa a través do tempo. Porque este permanece, sempre está aí, mais transformado nun suposto teórico que os homes inventaron e que necesitan para facer cálculos e contas. Tempo, dicían os estoicos, é o movemento do sol, a medición do seu percorrido. O que se mantén en todo tempo, noutro tempo e no actual, sen ser destruído, dise que é eterno. Mais non existe nada igual e indestrutible que o tempo en si: eternidade e tempo son o mesmo.

Bergson afirma que os fenómenos psíquicos non se poden medir; calquera deles, un soño, mesmo unha percepción, é irreversible e non se repite, e todos se funden nunha continuidade inseparable: na duración. De aí que marque unha diferenza entre o tempo físico (científico) e o tempo verdadeiro (psicolóxico) que denomina duración, pertencente á vida interior da conciencia. A duración (durée) é o concepto que utiliza Bergson para explicar a vida, o fundamento da realidade e do suxeito, o propio “enriquecemento gradual do eu”.

Hai tempo –di Peter Handke– que quero escribir sobre a duración;/ non un artigo nin unha obra de teatro, nin unha historia -/ a duración pide insistentemente un poema. Así comeza Poema á duración (Lumen, edición bilingüe alemán-español, 1991). E escribe un longo e fermoso poema, un agradable e limpo paseo da súa man pola memoria afectiva seguindo a Henri Bergson, non en balde, a modo de broche, remata o texto cunha frase do filósofo: “Ningunha imaxe substituirá a intuición da duración, por moitas imaxes diversas, tomadas de ordes de cousas moi distintas, poderán, por converxencia da súa acción, dirixir a conciencia cara ao punto preciso onde se fai palpable unha certa intuición.”

Unha e outra vez souben o que é a duración:/ ao comezar a primavera, (…)/ no vento da noite,/ (…) no sol de verán… / Esa duración, que era? / Un lapso de tempo? / Algo medible? Unha certeza?/ Non, a duración era un sentimento(Páx. 15). Algo imprevisible, ingobernable, que non se pode agarrar.

handke2O chamado tempo real implica o concepto de sucesión. A sucesión non se presenta na nosa conciencia como a distinción dun “antes” e un “despois”. Bergson coincide con Proust en se subtraer á concepción tradicional do tempo, avogando por un tempo interior (A la recherche du temps perdu) onde o pasado revive no recordo. Para Walter Benjamin a obra de arte é o medio máis axeitado para traducir o traballo da conciencia entre o pasado e o presente, que é a historia.

O tempo da duración é un poema de amor,/ (…) este amor/ non  ten a duración en ningún acto concreto,/ máis ben é un antes e un despois. (Páx. 41)

Bergson constatou que o tempo dos matemáticos, dos científicos, frío e lineal, non era o da conciencia. A duración pura é a que muda e cambia por natureza, a heteroxeneidade. É o ámbito da diferenza, o reino da dispersión: privilexio da conciencia. O trazo específico radica na irreversibilidade.

Un non se pode fiar da duración (…) Creo saber/ que ela só se converte en algo posible/ cando se consegue/ estar no que se está a facer,/ estar alí amodo e con paciencia,/ atento, paseniño,/ cheo de presenza de espírito até as mesmas puntas dos dedos. (…) Estando no que fago (…) talvez entón percibas/ e só de forma inadecuada,/ o calafrío da duración. (Páx. 37)

Un comentario en “Poema á duración, de Peter Handke (I)

  1. ¡¡¡ Interesantísimo Fidel !!! Eso de que el tiempo no pasa, que los que pasamos somos nosotros me hizo reflexionar, me levanté del ordenador y me miré en el espejo: Te dí la razón: El óvalo de mi cara ya ha perdido su forma y el código de barras que tengo entre la nariz y los labios, cada vez tiene más barras y pensé que el que decía que, ” el tiempo es como un rio que arrastra rápidamente todo lo que nace “, tampoco estaba equivocado. El tiempo sigue ahí , es un espacio entre nuestros recuerdos y vivencias, el tiempo se compone de vida pero no es la vida, la vida está dentro del tiempo y esta se pierde, pero el tiempo continúa perdurable. Cuando llegues a buen término con la pócima para resolver las faltas ortográficas a ver si encuentras también en la alquimia el elixir que yo voy necesitando para que el óvalo no siga desencajándose y el código de barras no se me convierta en el alfabeto morse. Ya sé que es cuestión de tiempo pero procura no demorarte demasiado, el tiempo apremia y aunque es perpetuo, no así es la edad que una tiene y si el tiempo es lo más poderoso de los bienes, la pérdida del mismo debe ser la mayor de las prodigalidades.
    Saudiña Fidel, biquiños palmeiráns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *