Galicia e os galegos na poesía castelá LII. Iglesias de la Casa

iglesiasRomán Arén. Na poesía española do século XVIII é costume falar de Escola Poética Salmantina para referirse a un grupo de poetas que coincidiron nesa cidade, que xirou arredor de Meléndez Valdés e, en parte, de Cadalso, que anovaron a poética castelá no último tercio do século e entre os que destacaron Frei Diego Tadeo González, Forner, Fernández de Rojas e Iglesias de la Casa. Todos estiveron tamén relacionados con Jovellanos. Todos estes vates irían da poesía amorosa e pastoril cara a unha poesía máis didáctica, moral e épica, é dicir, unha poesía “ilustrada”.

José Iglesias de la Casa (1748-1791) foi poeta, músico, prateiro e debuxante. En 1783 fíxose sacerdotes, e en vida publicou poucos poemas, algúns baixo o pseudónimo <El Duende>; as súas Poesías póstumas editáronse en 1793 e en 1798, e xa en 1895 foron compilados os poemas que estaban inéditos. Destacou nos poemas anacreónticos e bucólicos, pero foi tamén poeta satírico. Menéndez Pelayo acusábao de apropiarse de versos alleos para as súas composicións. Presente aínda nas antoloxías, non conta con edición recente dos versos e son escasos os artigos sobre a súa obra, nos que hai que destacar o de Sebold sobre o seu poema “La esposa aldeana” (1968 e 1970). É un poeta galante, rococó, influído tamén polos Idilios de Gessner.

Non sei de ningún dato que o relacione con Galicia, pero na súa poesía poden escolmarse, cando menos, dúas alusións á nosa terra. A primeira fai relación, como en Cadalso, á fama dos nosos xamóns, e figura nunha das súas Letrillas Burlescas, que tomo da antoloxía Poesía del siglo XVIII DE John H. R. Polt (2016), que comeza cun ton bucólico (“Al tiempo que el alba/esparce candores,/dorando las nubes/de nuestro horizonte,/en un valle ameno…), pero que remata con burla:

Y al ver que era falso/tal dulce Licoris,/tal Amor, tal Venus,/ninfas y pastores,/conociendo el Tiempo/que malgasté, entonces/dejando locuras/a mi casa voyme,/donde, y no de burlas,/a almorzar me ponen/un pernil gallego/y un frasco de Aloque.

O “Aloque” é un viño clarete.

A segunda alusión é difícil saber se pretender aludir aos galegos ou aos portugueses. Figura noutra “letrilla” satírica, a que comeza “Préstame, Fabio, atención…” sátira contra os letrados trampulleiros, do que tiñamos fama os galegos, e consiste en dúas palabras galegas:

¿Admírate del letrado/que a Juan, sin tener derecho,/se lo hizo tener, y de hecho/se ha en su favor sentenciado?/Pues sábete que ha logrado/una lucida vajilla,/y ainda mais un talegón:/porque no se da morcilla/a quien no mata lechón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *