John Berger e a vulnerabilidade

porcaPilar Sampedro. Souben de John Berger e a súa obra Porca terra despois de ver Queda alguén aí?, o documental de Rafa Cid; aquela obra onde se enfrontaba o mundo dos vellos e o dos novos nun pobo condenado á desaparición, no que cando a xestión do monte veciñal produciu un superávit decidiran facer un tanatorio que mostraban aos visitantes a modo de visita guiada: “Mire, o noso tanatorio, de dous pisos”; e os rapaces apuntaban: “Ben podían deixarnos un deles para nós, que non temos onde meternos”. A morte como horizonte. Díxome Rafa: entenderás mellor o documental se les Porca terra; lino e fíxoseme a  luz; alguén vira o que estaba a pasar no agro de maneira crítica, alguén o analizara politicamente, sen ser parlamentos nin estar detrás dunhas siglas.

Lembro entre néboas aqueles labregos que atacan aos inspectores de sanidade porque lles impiden matar o porco, ou facer caña, ou criar galiñas, ou cultivar o horto… porque o absurdo é tan grande, visto cos ollos do campo, que non se pode entender que lle cambien a vida sen dar conta, que non poida coller uns berberechos na súa praia pero si poidan vir xentes de fóra a pórse en coiro; que non poida facer o viño coas uvas da horta. Aí tocábanse o mundo de Berger e o meu, aí onde cambiaran as normas sen que ninguén contara coa miña xente. E ese título: Porca terra, semellaba vir dun lugar próximo e afastado.

A handout picture taken by Jacob Berger in January 2016Sei que hai moitos máis Berger… pero a min chégame con ese e con unha das súas últimas fotos, na que aparece cos seu noventa anos sentado a carón dunha ventá pola que entra a natureza, ao pé dunha mesa plena de cousas. É un home maior que garda a dignidade, sentado coa dor daqueles aos que a verticalidade nunca lles foi perdoada. No pé de foto pon: “John Berger, fotografado en outubro na súa casa, preto de París”.  É unha cara chea de bonhomía. Semella preguntarlle ao mundo, a través do obxectivo, que facer coa pena.

É unha imaxe que doe na boca da terra (que diría Rivas) porque nos fai interrogarnos mentres nos fala da vulnerabilidade.

Un comentario en “John Berger e a vulnerabilidade

  1. Admiro a las personas sensibles y como decía el evangelio de san Lucas ” Por sus frutos los conoceréis ” y por tu obra te juzgo sensible.
    Completamente de acuerdo con todo lo que has escrito.
    Un me gusta para Pilar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *