Un estudo definitivo da xeografía urbana

pedroRomán Arén. Dende que en 1989 publicou Noia: xeografía urbana e área de influencia, Pedro García Vidal foi editando libros, artigos e ensaios sobre o urbanismo da ría de Noia e Muros cunha mirada á vez científica e interdisciplinar, con obras como A Noia da memoria (1991), Investigando na vila. Didáctica do medio urbano (1993), cos artigos na revista Alameda e no anuario Barbantia, con folletos e ponencias en congresos, configurando o máis completo estudo de xeografía urbana dunha ría. O ramo dáo con este libro, baseado na súa tese de doutoramento, onde estuda a xeografía urbana das vilas de Muros e Noia dende as súas orixes medievais ata 1950. É só a primeira parte dun traballo académico lido na USC en 2012, produto de trinta anos de pescuda en arquivos, de labor bibliográfico e de capacidade didáctica para explicar como naceron e se desenvolveron estas dúas vilas. Mirada comprensiva, plural e científica a oitocentos anos de urbanismo. Con esta obra Noia e Muros únense a Pontevedra, Viveiro, Mondoñedo, O Carballiño, Compostela, Ourense e Vigo, o que amosa o camiño que aínda debe percorrer a disciplina, recente entre nós, da xeografía urbana. Esta obra será, con seguridade, unha cita obrigada en futuros estudos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *