Francisco Ant. Vidal Blanco. Creo que a palabra monopolio estase usando demasiado á lixeira neste conflito que enfronta ós estibadores coa Administración. Tamén a palabra sindicato leva anos estigmatizada desde o liberalismo económico, que nada ten que ver co social, e desde as películas americanas, para usala como arma de descreto. Acabo de volver a ver a película A lei do silencio, con ese Marlon Brando coidador de pombas nunha inhóspita cidade portuaria, na que as mansas aves sempre han de volver ás gaiolas, porque é o único sitio onde teñen comida e están fóra da ameaza dos falcóns. Unha acertada parábola daqueles sistemas de contratación a dedo de xornaleiros na praza do pobo, cando só a mansedume garantía un prato de comida.
Xa sabemos que nada ten que ver o monopolio coa conciencia de clase. Son como a noite é o día, pero alguén quere tapar o sol para que non vexamos a diferenza, e desde certos sectores fanse esforzos sobrehumanos para demostrarnos que as asociacións obreiras son antisociais, a causa de todos os males e o freo do progreso. O mesmo conto de sempre. Non sería esta a primeira vez que se tacha ós sindicatos de mafias insolidarias ou algo peor, e ós sindicalistas de escoura social, axitadores e matóns.
Poucos colectivos se salvan do desprestixio argallado desde as oligarquías, co único fin de quitarlles creto á hora de renegociar os seus contratos laborais, poñendo á opinión pública contra eles para xustificar as facilidades de despido e volta a contratar con menos salario, menos dereitos e ata menos horas fiscais, que non laborais. Agora tócalle ós estibadores cargar coa acusación de vantaxistas insolidarios, tan só por terse organizado e darlle valor ó seu traballo. Acúsanos de privilexiados por ter salarios dignos, cando precisamente, as aspiracións de todos debería pasar por acadar os maiores beneficios e dereitos co fin de que a diferenza salarial entre uns e outros se iguale por arriba, e non por abaixo.
Sabemos que a desmellora social caeu nos últimos anos exponencialmente e en proporción directa ó que medraron as clases dominantes. E nestas estamos unha vez máis, mentres a ninguén se lle ocorre criticar ás agrupacións médicas, por exemplo, que xustifican a consulta privada á que habemos de ir (pagando sen factura) se queremos que nos adianten nas listas de espera, ou os honorarios dos avogados, para ter dereito a iso que hipoteticamente se chama xustiza gratuíta. Calquera grupo de obreiros, funcionarios, transportistas, mariñeiros ou mineiros, han de sufrir, se non sufriron xa, a limitación de dereitos. Agora tócalle ós estibadores, asociados desde mediados dos setenta, tras anos de pelexar para non ser contratados a dedo, por horas e por capricho, pagándolles o que ó contratador se lle ocorrese, fomentando disputas entre os mesmos traballadores que chegaban a ofrecer os seus servizos en desiguais poxas. Contra iso loitaron durante anos ata acadar uns dereitos laborais dignos ós que agora, ó amparo das supostas necesidades actuais, se lles pide que renuncien para volver a ser os parias que agardan na praza do pobo ó señorito que os contrate por horas de submisión, sinalándoos co dedo, «vén ti e ti fóra», co reclamo de que é unha orde de Europa, que é mellor para o sistema, que fomenta a competitividade e libera a profesión. Cando todo apunta a quitar poder adquisitivo, dereitos sociais e laborais, co fin de crear unha sociedade de submisos. Por iso Xulio agarda que os cambios que se aveciñan non sexan unha nova coitelada a un colectivo que naceu pedindo o que todos os traballadores: pan, traballo e liberdade.
Desculpade. Acabo de saber que tiñas uns comentarios. Creo que nas vosas intervencións está a resposta e por iso tamén creo que estas liñas miñas non teñen moita razón de ser. Con respecto á pregunta de Gonzalo, direiche aquilo de “a bos entendedores…”. A oligarquía, como moi ben apuntas, non só son os poderosos, senón tamén os seus propagandistas. Curiosamente obreiros da pluma ou da computadora, pero obreiros á fin e ó cabo. Lévase criminalizando ás clases traballadoras, sobre todo cando se organizan, desde moito antes do Thacherismo. Sabémolo todos, creo que o digo neste artigo e tamén creo que hai que dicilo en moitos máis foros. As palabras de Paideleo parécenme moi acertadas. Se non quedou claro no artigo, só pode ser culpa miña porque non me expresei con claridade. Prometo intentar facelo mellor a próxima vez.
Boas tardes. Entender, entender…Ben. Eu, fronte ao mito da libertade de prensa ou de comunicación, estou especialmente interesado en pór sobre tapete o perverso papel que xogan os medios neste e noutras cuestións que afectan ás clases populares, non só unha parte delas (da cal se ten dito que sempre estivo máis preocupada polo salario que por outras cousas, e posiblemente sexa certo). Son estigmatizados os parados, os pobres, os campesiños…E neste desprezo cara ás capas máis baixas ou con menor poder adquisitivo da nosa sociedade, sen ir máis lonxe, unha das pezas fundamental desempeñaa o poder mediático, pero o de todos os signos sen excepción. E digo isto último, porque sempre hai alguén que di, si pero este xornal ou esta cadena é dos nosos, de quén? En tamén penso que ti me podes entender. Cordiais saúdos.
Todos os dereitos que temos os traballadores foron conseguidos por loitas sindicais ( chamemos folgas ou convenios ) e non foron un regalo dos patronos.
Hai que lembrar isto sempre.
Ogallá os estibadores sigan cos seus dereitos e os outros traballadores miren nese espello para acadar o mellor.
Bos días. Estou con iso. Disculpa, pero non me respondestes. Quen son os que caben nesa “oligarquía”? Só son os poderosos ou tamén están no mesmo saco os divulgadores, a sueldo, das ideas dos neoliberales? Quero dicir: por que non citas aos intelectuais do neoliberalismo, aos que fan campañas de propaganda das súas ideas e dos seus programas dende os xornais e as televisións, mesmo nos telexornais? Non son estes os que veñen estigmatizando dende fai moitas décadas, talvez dende o trunfo do tacharismo, o sindicalismo e outros direitos dos traballadores…? Saúdos cordiais.
Bos días. Estou contigo en case todo. Mais inquiétame o termo oligarquía. Quen son eses que argallan as campañas para estigmatizar aos distintos sectores de traballadores? Talvez están aí metidos os que lles escriben e fan as campañas de propaganda. É dicir, están ahí os creadores de opinión, xornalistas e mesmo intelectuais, nunha palabra: os mercenarios da información e non só os seus señores e pagadores? Saúdos cordiais.