O xigante soterrado, de Kazuo Ishiguro

PN935_ElGIganteEnterrado-LAIA.inddXerardo AgraFoxo. Despois da curiosa Pálida luz nos outeiros (Premio Winifred Holtby), a excelente Os restos do días (Premio Booker) e a inquietante Nunca me abandones (Premio Casino de Santiago), Kazuo Ishiguro, nado en Nagasaki no ano 1954, pero veciño de Londres dende 1960, publica esta obra que non garda pouca relación coas anteriores, aínda que conserva a mesma calidade literaria que atesoura este escritor, traducido a corenta idiomas e un dos referentes, xunto con McEwan, Amis, Swift, Barnes ou Waters, da mellor narrativa británica dos últimos anos.

Esta novela conta a historia de Axl e Beatrice, unha parella de anciáns que vive nun lugar desolado na Inglaterra do século VI, cando os britanos foron expulsados polos saxóns, que controlan unhas terras ermas nas que conviven, coma nas lendas artúricas, ogros, dragóns e trasnos. Os dous parten dunha aldea cativa para dar co paradoiro do seu fillo, un rapaz que marchou moito tempo atrás cara a unha rexión descoñecida. kazuoNesta viaxe iniciática enfrontáranse cun grave problema:  por culpa dunha misteriosa “néboa, os seus recordos esmorecen a medida que avanzan por uns carreiros inzados de atrancos, personaxes controvertidos e seres míticos.

O xigante soterrado (2016) é unha emocionante e lírica narración sobre o amor entre dous seres vulnerables. E unhas amargas reflexións sobre a memoria e o esquecemento, é dicir, a necesidade de recordar, aínda que a presenza do pasado nas nosas vidas nos leve –ás veces–  a abrir vellas feridas e a abrollar rancores ocultos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *