O bar dos ricos

barFrancisco Ant. Vidal Blanco. Nunha aldea do concello de Leiro, hai un bar ó que alguén lle chamou o bar dos ricos, porque alí todos beben e só paga un. Non sei se non o dirían por sorna. O lugar non é máis ca unha taberna de chan térreo, con dous bocois por mesas e unha barra da altura do peito dun home, libre de billas e ameada de vasos, cuncas, xerras e botellas, detrás da que un señor de gardapó azul, que tanto che vende un quilo de fariña como unhas latas de xoubas en escabeche, nos deu a benvida cun movemento de cabeza, pero cando lle pedimos uns viños limitouse a sinalarnos unha xerra que había diante dun grupo de persoas e seguiu co seu labor sen portar por máis. Insistimos, porque pensamos que non nos oíra, e entón, volvendo a sinalarnos a xerra só nos dixo: «Tédelo aí».

Xa podedes imaxinarvos como nos sentimos. Era a primeira vez que un camareiro nos negaba o servizo. Ben, a primeira non, porque non moi lonxe hai unha taberna que foi inmortalizada polos versos de Celso Emilio Ferreiro, onde os seareiros han de servirse do mesmo barril se queren beber, e na Coruña tamén coñezo unha adega onde o mesmo cliente se serve do que quere e logo dille ó taberneiro canto bebeu. Destes locais que se fían dos clientes xa quedan poucos. Pero como aquela era nova para nós, porque ademais, invitábanos a beber do alleo, non sabiamos que facer, ate que un dos presentes se decatou e nos animou a servirnos.

Bebemos case en silencio, e xa para marchar volvemos chamar ó paisano para que cobrase. E nova sorpresa: xa estaba todo pago. Advertímoslle que nós alí eramos novos e descoñecidos, e entón explicounos que o costume era que un pagase unha xerra de viño da que bebían todos, así pois, como xa estaba pagada nós non debiamos nada. Insistimos, evidentemente, e seguiuse negando a cobrar, polo que, para non quedar coma cutres quixemos invitar a outra, e tampouco nos deixaron, porque, segundo dixeron todos, para esa xornada xa estaba o cupo cuberto. Case llo pedimos por favor, facendo gala de bos pagadores e de bos correspondentes, porque nosoutros non volveríamos por alí ata non se sabe cando, pero eles insistiron en que era o costume e lembráronnos o de «tal terra andar tal pan manxar», asegurándonos que aquel seu sistema era o mellor para reforzar a veciñanza e para que ninguén se escapulise ou pedise o viño caro cando é a rolda de outro. E aquí empezamos a conversa sobre os pros e os contras dese negocio, que sempre haberá algún aproveitado que se arrime para beber de balde. «Non, iso non pasa nunca», asegurounos o taberneiro. «Non pasa, pero pode pasar», contrariamos. «Nunca», conviñeron todos os presentes. E aclararon, que pode haber quen tal pretenda algunha vez, e ate pode facelo un día ou dous, pero diso non pasa. «Xa se deu o caso». Abrimos as orellas, porque naquel lugar semiescuro, semellaba que se nos ía revelar algunha desas vinganzas de aldeáns tipo oeste americano. «¿E logo?», preguntamos expectantes. «Porque lle deixaremos de falar, e non hai cousa peor ca que os que están dándoche de beber non che falen».

Mirámonos o meu amigo e máis eu, e comprobando que, como nos falaban, aínda non nos trataban de caloteiros. Así que despois de non sei cantas cuncas, sen pagar un can, despedímonos e prometéronnos que a próxima vez que pasemos por Leiro, deixarannos invitar a unha xerra.

Un comentario en “O bar dos ricos

  1. Bonita historia Francisco. Voy a relatarte otra también real que papá nos contaba con toda la gracia que le caracterizaba; era un cuenta historias magnífico.
    Tú sabes que papá estuvo muchos años en U.S.A. Todos los fines de semana se reunían los de Palmeira en el Club España para echarse sus partidas de dominó y tomarse unas cañas. A diferencia de los de la aldea del concello de Leiro allí pagaban por rondas, y como en todos los lugares siempre hay algún listillo, – mejor dicho carota- uno de ellos siempre se hacía el longuis a la hora de pagar, o se iba para el servicio o se entretenía con el periódico . Un compañero de mi padre que era muy ocurrente, un día, cuando el camarero los estaba sirviendo en la barra le dijo: – ” Chaval, cobra todas las cervezas menos esta “. El gorrero se le quedó mirando y preguntó extrañado : – No entiendo, ¿ porque haces esto ?
    Y el otro le contestó: ” Mira amigo, ¿ sabes que si viviéramos en tiempos de los Cowboys en el Oeste tú ya estarías muerto ? Y el carota extrañado preguntó:- ¿ Y por qué me dices eso ? Y el otro contestó: ¡¡ Porque eres muy lento sacando, chaval !!
    Un saludo desde nuestra tierra, Francisco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *