Aviles… vinte e cinco anos despois (II)

avilés2Pilar Sampedro. Escribiu Ramiro Fonte baixo o título Camposanto en decembro:  “Como aquel día en que levou seis rosas/á tumba do poeta adolescente,/o primeiro que a morte nos roubara;/como aquel día frío,/de seis rosas vermellas, de seis rosas/na súa man, ceifadas, ofrecidas/polo home que fixo/doazón das celestes fronteiras do mundo,/desnavegou por nós un continente/de amor que nos facía/verdadeiros e grandes/(…)/Un día que ficou sinalado/por seis rosas de inverno/coma seis días de amor, e seis días de pena,/e seis días de frío, e seis anos de morte,/un día que xa estaba condenado ós calendarios/nos que a lembranza esconde moitas cousas (…)”

Daquel día no que partillara as rosas entre nós, fóronse indo… primeiro el e logo Ardeiro (que viña saber del a Noia… “ou a velo se se pode”), logo Ramiro camiñando polo xardín do pasatempo. Quedamos, para contalo, como sobreviventes daquel inverno de xeada, Navaza e quen escribe que fixera de taxista de Avilés aquela mañá de sábado no que se reunía no concello de Dodro o xurado do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.

Aínda podo ver a Avilés coas rosas na man desde a florería ata o seat 127 no que eu agardaba, e pensaba na grandeza dos pequenos, na xenerosidade dos pobres, na dignidade dos poetas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *