Gonzalo Trasbach. A obra de Steiner é excepcional e histórica. Isto é así porque expón as primeiras cuestións esenciais sobre a orixe e evolución, técnica e espiritual, das culturas occidentais: dende a Xénese até a encrucillada dos nosos días, no limiar dunha nova civilización ou da constitución dunha nova humanidade. De feito, estima que os cambios que modificaron os conceptos da comunicación, da información, do coñecemento, da xeración de sentidos e formas, son probablemente os maiores e os de consecuencias máis fondas, dende que o “home sapiens” elaborou a linguaxe.
Contemplando a súa produción polo espello retrovisor, Steiner ten completado unha existencia rozando os dolorosos camiños que nos traen dende o albor da nosa historia até os nosos días: o seu “Tolstoi o Dostoievski” (1958) xa expuña o dilema histórico de dous titáns tentados por dous cumios da odisea espiritual do home contemporáneo. Tolstoi soña con chegar a suplantar a Deus. Dostoievski, en cambio, inicia a baixada ao inferno moderno: os seus endemoñados e posuídos encarnan, por primeira vez, a figura do mal absoluto, o terror e o terrorismo inhumano e indiscriminado. “Lenguaje y silencio” (1958) comezaba a explorar a terra baleira do “logos” ameazado pola Shoá, o Holocausto sacrílego de Auschwitz. “La muerte de la tragedia” (1961): os seus ensaios sobre Schomberg e Paul Celan, que son os primeiros intentos de reconstrución dunha arquitectura espiritual para o home do mañá, trala caída e a soidade ontolóxica absoluta que reflicten as “Elegías de Duino” (Rilke). “El castillo de Barba Azul” (1971) esboza un primeiro balance provisional do estado “literario” das nosas culturas que continuaría materializando en “Nostalgia del Absoluto” (1974).
“Después de Babel” (1975) pon os alicerces dun futuro e moito máis vasto edificio: unha visión e unha teoría global sobre as linguas e o paradoxal principio da tradución. Segundo o autor, esta obra ten sido saqueada e explotada de xeito indiscriminado. “Martin Heidegger” (1980). Aquí buscou resolver dunha vez por todas unha cuestión espiñosa e esencial: dilucidar o posto que ocupaba o mestre de Friburgo na historia das ideas e da filosofía, como herdeiro dunha triplo tradición: grega (Platón), cristián (san Agustín) e alemá (Nietzsche). “Antígonas” (1986), obra na que afonda no posto seminal dos mitos clásicos na xénese da gramática e na construción verbal e na lenta e custosa travesía da configuración da nosa conciencia. Dende entón para acá: “Presencias reales” (1988), “Pasión intacta” (1996) e “Errata” (1997) poden entenderse e lerse como antesalas da definitiva “Gramáticas de la creación”. Nos últimos anos foron aparecendo “La idea de Europa”, “El elogio de la trasmisión”, “Extraterritorial”, “Lecciones de los maestros” e “La barbarie de la ignorancia”. En 2008, Siruela publicou “Los libros que nunca he escrito”, que foi un escándalo en Inglaterra, pois nel relata historias sexuais moi explícitas (e propias). Tamén no mesmo selo apareceu “Diez (posibles) razones para la tristeza del pensamiento”.