Steiner, no limiar dos 88 anos (IV)

steiner7Gonzalo Trasbach. Balizada a súa infancia polos discursos radiofónicos de Hitler, admite no limiar dos seus días que a súa traxectoria estivo excesivamente poboada de hoteis. Pero di que garda moi gratos recordos de tres, en cuxas terrazas ou en cuxos balcóns quedou petrificado, pois alzábanse directamente sobre tres magníficos ríos: O Rin ao seu paso por Basilea, a cidade de Erasmo e Nietzsche. De noite, cando o alento do caudal se acerca e se afasta, as súas luces deslízanse xunto aos balcóns do Trois Rois. Ao longo do seu percorrido dende o seu nacemento até o estuario de Róterdam, o Rin foi testemuña de cerimonias e odios, de acontecementos musicais e literarios e da contaminación da historia europea. Por aquí aínda navegan algunhas barcazas.

En cambio, só algún esquife ou unha embarcación a remos, suca as vellas e barrosas augas do Arno, o río que discorre por Florencia e conserva latente a súa antiga ameza, como dan fe as crónicas da cidade medieval e renacentista: cando crece de súpeto, o caudal arrasa rúas e prazas. Tamén aquí atopou o mestre e escritor un hotel fronte a torres e cúpulas. Elegante coma os seus cisnes é o Limat, que descende bulicioso e cristalino cerca das torres da catedral de Zurich, a cidade de Joyce e Canetti. O río é tan urbano coma o hotel Zum Storchen, onde segundo Steiner, Nelly Sachs atopouse con Paul Celan, para escribir na compartida <morte despois da morte> do Holocausto, un dos poemas imprescindíbeis da lingua alemá. Os ríos son alegorías do tempo: poñen pontes en movemento. Como os que ten tendido o noso autor sobre as turbulentas augas que discorren dende os orixes da humanidade até os nosos inquietantes días.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *