Amor platónico e amor místico

la llamaFidel Vidal. Estamos a seguir os pasos guiados da man de Octavio Paz no seu excelente volume La llama doble, Amor y erotismo (Galaxia Gutenber, 1997). Acompañado dunha selecta iconografía trata dunha viaxe poética a través da historia literaria do amor. Nel aprendemos que Platón, tamén poeta, é o fundador da nosa filosofía do amor. “A súa influencia aínda persiste, sobre todo pola súa idea da alma”. No entanto, o amor de Platón non é o noso. “Incluso pódese dicir que a súa non é realmente unha filosofía do amor senón unha forma sublimada (e sublime) do erotismo.” (páx. 43)

Platón escandalizaríase, sen dúbida, ante o que nós chamamos amor. Por exemplo, a idealización do adulterio, o suicidio e a morte. Outras, poñamos o culto á muller, asombraríano. “E os amores sublimes, como o de Dante por Beatriz ou de Petrarca por Laura, pareceríanlle enfermidades da alma” (páx. 47). O eros platónico desnaturalizou o amor ao transformalo nun “erotismo filosófico e contemplativo do que, ademais, estaba excluída a muller” (páx. 74). Non esquezamos que o banquete platónico era só de homes.

Se pensamos que o amor carnal foi condenado por vez primeira polo cristianismo estariámonos trabucando. A condenación do amor carnal como pecado contra o espírito pertence a Platón, para quen o importante é a idea, a esencia. “No Fedro e no Banquete, o amor máis elevado é a contemplación do corpo fermoso: contemplación arroubada da forma que é esencia. O abrazo carnal entraña unha degradación da forma en substancia e da idea en sensación.” (páx. 198)

cantarO Cantar dos cantares de Salomón, unha colección de poemas de amor profano, é “unha das obras eróticas máis fermosas creada pola palabra poética” que non deixou de alimentar a imaxinación e a sensualidade dos homes desde hai máis de dous mil anos” (páx. 22). Nesta inspirouse san Juan de la Cruz que escribiu un dos poemas “máis intensos e misteriosos da lírica Occidental”. É imposible, di Octavio Paz, ler os poemas do Cántico Espiritual unicamente como textos eróticos ou como textos relixiosos. “Son un e outro, outro e algo máis, algo sen o que non serían o que son: poesía.” (páx. 24)

Avogamos polo home de carne e óso, na medida humana, no tamaño que se deixe manexar, nin macro nin microscópico, que se poida sentir e palpar, aínda coa determinación dunha renuncia. Se o eros platónico buscaba a desencarnación para experimentar a contemplación, o misticismo cristián procura sobre todo “amor de encarnación, exemplo de Cristo, que se fixo carne para nos salvar.” (páx. 199)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *